Ponteareas abre unha nova convocatoria de subvencións para deportistas de alto nivel

Ponteareas abre unha nova convocatoria de subvencións para deportistas de alto nivel

Serán 5.000 euros destinados a axudar a deportistas individuais. As e os interesados terán para a súa solicitude 15 días tras a súa publicación no BOPP

O Concello de Ponteareas quere reforzar o apoio á potencia deportiva da vila cunha nova convocatoria de subvencións dirixida a deportistas federados de alto nivel que residan no municipio. Trátase dunha liña de axudas dotada con 5.000 euros coa que se busca “facilitar a dedicación á competición de alto nivel das e dos grandes deportistas que temos, premiando o esforzo diario que fan para acadar as súas metas. Son, sen dúbida, os mellores embaixadores e embaixadoras que temos”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

Poderán solicitar estas bolsas as e os deportistas ponteareáns que durante o ano 2022 competiran en campionatos oficiais a nivel estatal ou internacional ou foran convocados pola selección galega ou española. A subvención está destinada a colaborar cos gastos de desprazamentos, aloxamento, manutención, material deportivo ou expedicións de licenzas federativas. Unhas axudas que “son totalmente compatíbeis con outro tipo de subvencións públicas concedidas para a mesma finalidade”, salientou o edil.

“Ponteareas é berce de grandes deportistas, algo que queremos seguir potenciando.  Estas subvencións son un vehículo para recoñecer o esforzo, dedicación e traballo dos e das deportistas ponteareás, pero tamén contribúen a fomentar valores fundamentais na súa formación, a impulsar a práctica deportiva entre a mocidade e a inculcar no seu día a día un estilo de vida saudábel”, asegura Bouzó.

As bases da convocatoria estarán dispoñíbeis na páxina web do Concello na pestana de axudas e subvencións. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes durante 15 días a partir do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

BASES AXUDAS DEPORTISTAS NIVEL