A OMIX de Ponteareas anuncia a apertura do prazo de inscrición para os campamentos de verán da Xunta de Galicia

accion-de-veranA Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), dependente da concellería de Mocidade que xestiona Verónica Carrera, vén de anunciar que ata o vindeiro 23 de abril está aberto o prazo  para inscribirse nos Campamentos de Verán de 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

A participación na oferta desta Campaña de Verán 2016 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple, neste último caso para aqueles supostos nos que varios irmáns ou irmás queiran participar no mesmo campamento.

As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. É posible escoller o campamento en función da idade e das actividades que se leven a cabo no mesmo: náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao Camiño de Santiago, científica, agrícola e outras modalidades que conforman a oferta deste programa estival.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. As persoas que presenten a solicitude polo procedemento de portelo único dos concellos ou por correo deben remitir, unha vez rexistrada, unha copia por fax ao número 981 545 843.

Para solicitar máis información os interesados poden dirixirse a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas, situada na Biblioteca Municipal da rúa A Perillana, chamar ao teléfono 672 10 54 68 ou entrar nesta ligazón.