O documental “Frankenstein-04155” proxéctase esta fin de semana en Ponteareas

A obra, Mención Especial do Xurado na SEMINCI de Valladolid e dirixida por Aitor Rei, trata de esclarecer o que realmente aconteceu no coñecido accidente ferroviario de Angrois, ocorrido o pasado ano 2013

O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá, a partir das 20:30 horas do vindeiro sábado 16 de abril, a proxección do documental Frankenstein-04155, dirixido por Aitor Rei, quen estará presente no propio Auditorio. Trátase dun traballo audiovisual cuxa proxección forma parte da programación deseñada pola concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista, para este mes de abril en Ponteareas.

O documental versa sobre a traxedia ocorrida no pasado mes de xullo de 2013 en Angrois, un barrio de Santiago de Compostela no que descarrilou un tren de Renfe, modelo Alvia, pouco antes de facer entrada na estación compostelá e deixando tras de si un total de 81 vítimas mortais e máis de 140 persoas feridas.

O director ourensán, Aitor Rei, explica que o título do filme alude, por unha parte, ao número de rexistro do Alvia (04155) que descarrilou na curva da Grandeira, preto da estación de Santiago de Compostela; e por outra, ao sobrenome co que os maquinistas e un ex directivo de Renfe, entre outros profesionais que aportan os seus testetumños, designaban ao modelo Alvia S-730 (Frankenstein), o accidentado, “porque estaba feito con cachos doutros trens”.

O propio Rei continúa explicando que este traballo “revela probas documentais que demostran que a traxedia produciuse por unha cadea de erros e neglixencias cuxos responsables, ademais do condutor do tren, son, entre outros, ADIF, Renfe e o Ministerio de Fomento”. O documental, producido por Boneca Lareta, levouse a cabo co apoio da plataforma Vítimas Alvia 04155 e é froito dun “rigoroso traballo de investigación, de máis de 4.000 horas e 2 anos de rodaxe”.

A obra obtivo unha Mención Especial de Xurado na Semana Internacional de Cine de Valladolid 2015 e foi a película que acadou a puntuación máis alta na votación do público na última edición do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela.