O Rock in Río e a concellería de Comercio presentan a guía e os concertos do “Rock na Rúa”

O Paseo Matutino acolleu a presentación da guía do festival Rock in Río Tea 2019, e os concertos do “Rock na Rúa” deste mesmo ano, ambos patrocinados pola concellería de Comercio Hostalería e Consumo do Concello de Ponteareas que dirixe Inés Vidal.

A guía do festival, que se distribuirá polos comercios de Ponteareas e arredores, serve non só para difundir as moitas actividades relacionadas co mesmo, senón como guía útil para consultar os diferentes tipos de establecementos que colaboran co Rock in Río Tea, sendo un escaparate da actividade comercial da comarca.

O “Rock na Rúa” consta de 5 concertos de rock realizados en diferentes rúas e establecementos hostaleiros de Ponteareas os sábados de Xuño, nun horario que facilita a participación das familias, e que tamén busca dinamizar a actividade hostaleira da tarde-noite da vila. Este ano os concertos empezarán ás 20:30, para evitar as horas centrais do día. As 5 localizacións desta edición serán:

  • Sábado 8 de Xuño: Blubar (Rúa Rogelio Groba) coa actuación de “Herrantes” (Ponteareas).

  • Sábado 15 de Xuño: Primeiro tramo do Paseo Matutino coa actuación de “Los Canallas” (A Coruña).

  • Sábado 22 de Xuño: Wilson bar (Avenida Castelao) coa actuación de “La Supersonic” (Vigo)

  • Sábado 29 de Xuño: Chiringuitos da praia fluvial da Freixa, coa actuación de “Galledanos” (Madrid).

  • Sábado 6 de Xullo: Eiravella – Berceo (Avenida Rosalía de Castro) coa actuación de “La casa de los ingleses” (Pontevedra).

Á presentación acudiron Inés Vidal Rodríguez, concelleira de Comercio Hostalería e Consumo, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Participación Cidadá, Cristina Fernández, ademais de representantes da asociación cultural Rock in Río Tea e dos hostaleiros do Paseo Matutino, onde se celebrará un dos concertos do “Rock na Rúa”. O Rock in Río Tea conta co apoio da Deputación de Pontevedra.