Reclaman ao Concello 180.000 euros polo retraso do PXOM

O retraso na aprobación do PXOM continua provocando novas ameazas de prexuizos económicos para o Concello. Recentemente facíase público que a ausencia de PXOM suporá o pago mensual de 2.000 euros aos propietarios dos terreos do parque Ferro Ucha. Os terreos foran cedidos en 2012 de forma anticipada ao goberno presidido por González Solla, coa condición de que o PXOM se aprobase antes de catro anos e coa penalización de 2.000 euros mensuais en caso contrario.

Agora son os propietarios da parcela cedida en 2005 ao goberno de González Solla para a construción do ximnasio do IES Pedra de Auga, os que reclaman ao Concello unha indemnización de 180.000 euros. De novo se trata dunha cesión anticipada, condicionada a que o Plan se aprobase no ano 2007, prevéndose no acordo que de non contar Ponteareas co PXOM nese prazo, os terreos revertirían de novo aos propietarios ou estes terían que ser indemnizados.

O goberno local lembra que a ausencia de PXOM tamén está impedindo que a Xunta constrúa a escola infantil xa comprometida no parque Ferro Ucha. O retraso do Plan conleva que non se poda crear un acceso seguro por un novo vial municipal ao IES O Barral. Outras cesións que o Concello lograría coa aprobación do PXOM son terreos para un parque público e aparcamento na “Finca de Sarmiento” ou na Avenida de Castelao e que os terreos cedidos en Granitos pasen a ser propiedade municipal sen custo algún.

O Alcalde Xosé Represas e a Tenente de Alcalde Chus Garrote criticaron “a irresponsabilidade do Partido Popular porque asinaron convenios con propietarios condicionados á aprobación do PXOM e agora non queren aprobalo. Os veciños van sufrir as consecuencias económicas desa negativa a sacar adiante o Plan Urbanístico”. Represas e Garrote advirten que “ou na vindeira semana hai unha nova maioría para aprobar o PXOM ou estaremos condeados a máis anos de desastre e prexuizos económicos que pagarán os cidadáns cos seus impostos”.