O refraneiro popular de Ponteareas pulveriza a súa propia marca nas redes sociais

Se o vídeo do refraneiro do mes de xaneiro que subiu a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas ao seu facebook alcanzou máis de 15 000 persoas, superou as 7200 reproducións e foi compartido por máis de 150, ao do mes de febreiro abondáronlle menos de 24 horas para atinxir máis de 5300 usuarias e usuarios desta rede social, superar as 2000 visualizacións e ser compartido por máis de 100 persoas.

 

“Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro” e “Entroido á raxeira, Pascua á lareira” son dúas destas pílulas de sabedoría ancestral absoluta que achega a nova entrega da Concellaría que dirixe o nacionalista Fernando Groba e que cativan as seguidoras e seguidores desta iniciativa que comeza a consolidarse como unha das máis seguidas das redes sociais en galego. “Sen termos nin os medios nin alcance que teñen os grandes medios de comunicación de masas, os medios informativos xa comezan a falar da nosa iniciativa como o novo Dígocho eu” comenta o edil de Cultura. “Estamos tan sorprendidos como agradecidos polo alcance e a popularidade que está a conseguir a iniciativa. Os nosos vídeos non son máis pequeniñas mostras do noso refraneiro, acompañadas cunha selección de imaxes practicamente caseiras, unha musiquiña ambiental e unha montaxe sinxela (mais coidada) que facemos cunha aplicación para teléfonos móbiles para editar vídeo e ver que estamos a chegar a tantas persoas de todo o país e mesmo de diferentes partes do mundo é moi gratificante”.

O vídeo de febreiro pódese visualizar na seguinte ligazón https://fb.watch/3qVdBtivna/