O Pleno da Corporación Municipal reunirase mañá 7 de outubro para tentar aprobar as modificacións do PXOM

Ratificará, tamén, a conformidade da subvención de 5 millóns de euros concedida polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, cofinanciada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI)

Por iniciativa do Goberno local terá lugar un novo pleno extraordinario ás 11.30 horas para tratar a aprobación das modificacións efectuadas polo equipo redactor do PXOM a instancia da Secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, con respecto ás addendas de xuño e de agosto de 2016 ao PXOM provisional aprobado en sesión plenaria do 2 de febreiro de 2016, e ao texto refundido que as incorpora.

Amais, a subvención concedida para a EDUSI será ratificada. “É unha oportunidade e unha boa noticia para Ponteareas. Imos pór en marcha medidas de fomento do emprego, de modernización da administración, mellora o acceso ás novas TIC, mellora da eficiencia enerxética, creación de programas de promoción da paisaxe cultural e patrimonio inmaterial, e de inclusión dos colectivos menos favorecidos”, explica o alcalde Xosé Represas.

A proposta presentada polo Concello de Ponteareas ascendeu a un orzamento total a executar até o 2022 de 6.250.000 euros, dos que se solicitaron do FEDER 5.000.000 euros, tope máximo ao que podía optarse, comprometéndose o Concello a aportar 1.250.000 euros. Ponteareas foi un dos 12 concellos galegos seleccionados, sendo aceptada o 100% da axuda solicitada.