O Oktober Fest chega á Praza Maior de Ponteareas

O Festival organizado pola Asociación de Hostalería de Ponteareas, coa colaboración da concellería de Comercio, permitirá aos asistentes probar cinco tipos diferentes de cervexas

oktoberPonteareas disfrazarase de Baviera durante tres días grazas a unha carpa de 300 metros cadrados instalada na Praza Maior da vila que servirá como escenario para que diferentes hostaleiros, caracterizados coa vestimenta propia do século XIX neste territorio xermano, convertan a céntrica praza ponteareá nun festival da cervexa digno do país centroeuropeo.

O Oktober Fest ponteareán terá lugar os días 2, 3 e 4 de outubro e ofrecerá a todos os asistentes a posibilidade de probar unha cervexa alemá, unha cervexa holandesa, unha cervexa belga e as dúas variantes da cervexa artesá de Ponteareas, elaborada por Isabel Viéitez, natural da parroquia de Padróns. Trátanse das cervexas Curuxa (rubia) e Sabela (tostada).

A Asociación de Hostalería de Ponteareas, que organiza por vez primeira este festival, tamén ten prevista a instalación de postos nos que será posible adquirir racións de salchichas de 50 centímetros, de cordeiro ao espeto e de queixo.

O venres 2 de outubro dará comezo a actividade a partir das 16:00 horas e se alongará até as 01:00 horas, sendo posible gozar das actuacións dos grupos musicais Bakintaun, co seu tributo a Thin Lizzy, e Max Power.

O sábado 3 de outubro tamén terá como hora de partida as 16:00 horas e rematará cunha actuación do grupo Riff Raff na sala Bonaparte a partir das 01:00 horas. Pola tarde, a Praza Maior acollerá os concertos de Met e de Cool Funeral.

O domingo 4 de outubro a actividade empezará antes de comer, coa sesión vermú amenizada por Voces de Arrieiro e a actuación posterior de Manuel Iglesias.

A Asociación de Hostalería de Ponteareas e a concellería de Hostalería e Comercio, xestionada por Mario Lago, convidan a todos os veciños e veciñas a deixarse levar polo espírito deste centenario festival alemán.