O martes 23 todas e todos a brincar na biblioteca municipal con Paco Nogueira e o programa ‘Ler Conta Moito’

O martes 23 todas e todos a brincar na biblioteca municipal con Paco Nogueira e o programa ‘Ler Conta Moito’

Será ás 19.00 horas e de balde. É necesaria inscrición previa

A biblioteca municipal de Ponteareas acolle a vindeira semana unha nova actividade coa que fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas dun xeito lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’, da Xunta de Galicia, o martes 23 de maio ás 19.00 horas Paco Nogueira chegará á biblioteca co seu espectáculo ‘Brinca vai! De aquí a acolá’ dirixido a cativada de 6 a 11 anos.

Trátase dun espectáculo baseado no libro-CD-DVD ‘Brinca vai!’, editado por Kalandraca Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos. Así nenos e nenas acompañarán ao músico e actor Paco Nogueiras cos seus instrumentos e a súa querida ‘Máquina’ nunha divertidísima viaxe chea de humor, baile e cancións para cantar, rir, danzar ou simplemente escoitar coas mans e as orellas ben abertas.

Nesta viaxe, as alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano e o respecto pola lingua galega serán parte importante da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.

Como destaca o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito “búscase promover entre o público dende ben novas e novos non só a lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística”.

As persoas interesadas poden inscribir xa a nenas e nenos a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou do teléfono 986 660 765.