Ponteareas investirá case 1,2 millóns na rehabilitación de inmobles do centro histórico

Ponteareas investirá case 1,2 millóns na rehabilitación de inmobles do centro histórico

O Concello asinou un convenio coa Xunta de Galicia para financiar ata un máximo de 400.000€ da actuación e crear a oficina de rehabilitación

O Concello de Ponteareas vén de asinar un convenio de colaboración para xestionar os fondos do ‘Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio’, o que permitirá a reforma de inmobles na Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) de Zona Vella, unha denominación que permite ao municipio e á veciñanza ponteareá acceder a fondos europeos para a rehabilitación de edificios residenciais, vivendas e locais comerciais e para a urbanización e reurbanización dos espazos públicos no centro histórico da vila.  

Con cargo aos fondos transferidos polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta destinará ata un máximo de 400.000 euros dos custes incluídos no investimento subvencionábel, de case 1,2 millóns de euros. A través desta iniciativa estímase a rehabilitación de 38 vivendas, nas que se calcula que se reducirá o consumo de enerxía primaria non renovábel entre o 30 e o 45%.

“Con este convenio facilítase que veciños e veciñas poidan reformar as súas vivendas e locais e seguir enchendo de vida a vila, o que suporá unha revaloración económica de todos os inmobles e da propia contorna”, asegura a alcaldesa, Cristina Fernández.

A través deste acordo crearase unha oficina de rehabilitación que facilite a xestión e o desenvolvemento das actuacións programadas na ERRP, que xa está en tramitación e en fase próxima á súa publicación e licitación. Esta oficina terá un espazo físico e persoal propio que asesorará e tramitará as axudas de rehabilitación na Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Zona Vella de Ponteareas e na Contorna Residencial de Rehabilitación Programada, así como doutras zonas que poidan ser declaradas no futuro, así como outro tipo de subvencións de rehabilitación de inmobles tanto no centro da vila como nas parroquias.

A rexedora lembra que a rehabilitación destes inmobles “redundará nunha mellora da eficiencia enerxética para conseguir unha Ponteareas máis sostíbel, pero tamén permitirá xunto con outras accións devolver ao centro histórico da vila todo o seu esplendor, dinamizando unha zona emblemática, asentando poboación nela, mellorando a calidade de vida das persoas, favorecendo a creación de emprego e conseguindo un maior dinamismo económico”.

Este programa de rehabilitación de inmobles pode levarse a cabo grazas a que Ponteareas a finais de 2021 aprobou o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal.