O Goberno local lanza a nova imaxe institucional gráfica do Concello de Ponteareas

A nova imaxe corporativa municipal complementará o escudo municipal

A “o” de Ponteareas convértese na icona identificadora cun semicírculo que sobresae da palabra

Entre os obxectivos da nova imaxe institucional gráfica do Concello de Ponteareas está ter unha imaxe única de toda a institución municipal, unha imaxe moderna, aínda que baseada nas tradicións e na proxección de Ponteareas no mundo.

A nova estética de comunicación que se irá espallando no vindeiro ano pretende ser a imaxe visual de Ponteareas como un concello vivo que bebe das tradicións. Para crear a nova identidade corporativa gráfica do Concello de Ponteareas, que convivirá co escudo oficial, procuráronse aqueles elementos máis representativos, tanto na arquitectura, o patrimonio, a cultura ou a gastronomía, para lograr un logotipo recoñecible e cargado de contido e simbolismo.

As comunicacións municipais estarán identificadas con ese símbolo do propio nome, resaltando o semicírculo polo que ten de elemento central tanto na propia ponte do escudo municipal, nas formas xeométricas das alfombras de flores, no castro de Troña e a serpe, como mesmo na fachada do edificio municipal ou as saborosas rosquillas de Ponteareas.

A nova imaxe corporativa municipal complementará o escudo municipal. A nova identidade traslada unha imaxe moderna e renovada, unha imaxe que trata de expresar o momento actual. Nesta imaxe podemos ver as flores do Corpus, os arcos da ponte dos Remedios, unha imaxe que reflexa o dinamismo dos tempos actuais.

De esquerda a dereita: Chus Garrote, Xosé Represas, Leonor Parcero, creadora da nova imaxe corporativa gráfica, e Manolo Troncoso.

Ademais da creación dun logotipo, traballouse nas súas diferentes adaptacións,  para dotar todas as comunicacións do Concello de coherencia interna e carácter propios, para tratar de cohesionar todos os elementos e axudar a comunicar mellor.

Para este deseño o goberno municipal contou co traballo de Leonor Parcero en colaboración con Guillotina Estudio. Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola UVigo, profesional da comunicación que ademais preside a Asociación Galega de Comunicación Científica e Tecnolóxica (AGCCCT-Divulgacción). Despois de ver varios esbozos, o Goberno decidiu facerlle o encargo. Agora  preséntase un adianto, xa que a partir de xaneiro comezará a introducirse a mudanza da imaxe corporativa de Ponteareas nos diferentes departamento.