O Goberno local asinou hoxe a adhesión de Ponteareas ao convenio para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras

O programa, promovido pola FEGAMP co Instituto Galego de Vivenda e Solo, está orientado ás familias en situación ou risco de exclusión social

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas asinou o acordo, acompañado do concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, coa presidenta do Instituto Galego de Vivenda e Solo, na delegación da Xunta de Galicia en Vigo

 

O Goberno local de Ponteareas firmou hoxe a incorporación do Concello no programa de vivendas valeiras do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), no ámbito de aluguer e mellora de acceso á vivenda. Con este acordo procúrase pór inmobles desocupados a disposición de persoas e familias en risco de exclusión social e de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por non saldar a renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

A lei de vivenda de Galicia establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en aluguer de vivendas baleiras, co obxectivo prioritario de favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

“Somos un dos primeiros Concellos da provincia, xunto a Gondomar e Redondela, en adherirnos ao programa de vivendas baleiras”, explica o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso. “Coido que un paso positivo, aínda que mellorable. Os Concellos poderán dispor dunha bolsa de vivendas baleiras, que xestionarán para axudar ás persoas con máis dificultades para acadar unha”, indica o edil.

Estas vivendas serán adxudicadas a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas. A Xunta achegará todas as garantías necesarias para esas vivendas mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades non saldadas que inclúe asistencia e defensa xurídica. A garantía prestada a través dos seguros terá unha duración máxima de tres anos a contar desde a formalización do correspondente contrato de arrendamento.

Terán preferencia as unidades familiares, ou de convivencia, afectadas por procedementos de execución hipotecaria así coma as afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagar as rendas da súa vivenda habitual.