O goberno convocará a comisión de seguemento para informar da reunión con Fomento

 

No día de hoxe o alcalde Xosé Represas e a tenente de alcalde Chus Garrote reuníronse na subdelegación do goberno en Pontevedra co director xeral de estradas, Javier Herrero, o director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Francisco Menéndez, e coa propia subdelegada Maica Larriba, para coñecer o estudo de alcance da circunvalación, tal e como se comprometeran en Madrid na reunión mantida co goberno local.

Alcalde e tenete de alcalde amosan a súa satisfacción polo compromiso do Ministerio de Fomento e valoran positivamente o encontro mantido no que coñeceron o estudo do alcance da obra presentado polo director xeral de estradas, “condición necesaria para desbloquear a construción da circunvalación”. Este estudo previo supón un avance e é un documento imprescindible para contratar o proxecto da obra.

Ademais da entrega deste estudo, o director xeral de estradas puxo enriba da mesa o compromiso de abordar integramente o ministerio a construción deste vial así como o mantemento futuro, liberando ao concello das cargas que figuraban no protocolo asinado hai catro anos nas que o concello tería que asumir o mantemento do novo vial, de varios km da N-120 e dun tramo da estrada autonómica PO-403.

Con esta proposta a circunvalación ou variante será un vial do Estado igual que a autovía e a N-120 a tódolos efectos.

Este plantexamento axiliza as actuacións ao non haber participación nin do concello nin da Xunta e faría innecesario un convenio, simplificándose a xestión e significando que a construción deste vial xa figuraría nas previsións de actuación directa do Ministerio.

O  goberno realizará unha revisión da proposta técnica recibida e convocará a comisión de seguemento para dar conta da reunión e que sexa analizada pola comisión no seu conxunto.