O Concello solicita unha subvención de máis de 380.000 euros para poñer en marcha dous obradoiros de emprego

Comezarían no vindeiro mes de setembro, terían unha duración de 6 meses e permitirían que 45 persoas desempregadas maiores de 18 anos cobraran un soldo mentres realizan a súa formación

O Concello de Ponteareas vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a solicitude á Xunta de Galicia dunha subvención para poñer en marcha un obradoiro de emprego cuxo custo é de máis de 412.000 euros, dos cales o Concello aportaría 30.000 euros e a Xunta (no caso de conceder a axuda) máis de 382.000 euros.

Compromiso Social

COMPROMISO SOCIAL IIO primeiro dos obradoiros deseñado dende o Concello para aspirar a esta axuda económica divídese en dúas categorías.

Unha delas está relacionada coa atención socio sanitaria e permitiría que 15 alumnos adquiriran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.

A outra ten que ver coa especialidade en fábricas de albanelería e revestimentos con pastas e morteiros en construción, que posibilitaría que outros 15 estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos a través da rehabilitación do local que está baixo o escenario do Parque da Feira Vella e dalgunhas das coñecidas como antigas casas dos mestres.

Compromiso Cultural

COMPROMISO CULTURALO segundo dos talleres está dirixido á xente nova, e máis concretamente a aquela que está inscrita no Programa de Garantía Xuvenil. Os contidos do mesmo permitirían dotar a 15 persoas de capacidades nos eidos de dinamización e dirección de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil; e de dinamización, programación e desenvolvemento de acción culturais.

A Garantía Xuvenil é unha iniciativa que conta co financiamento do Fondo Social Europeo e que ten como obxectivo que os mozos de até 29 anos que non estean a cursar estudos, formación ocupacional ou carezan de emprego, poidan recibir asesoramento e formación de cara a promover a súa inserción no mercado laboral. Neste caso, aquelas persoas que queiran aspirar a participar deste obradoiro, deberán ser maiores de 18 anos.

Compromiso cumprido

Trátase do cumprimento dun dos compromisos adquiridos polo alcalde, Xosé Represas, o pasado mes de setembro, na presentación do obradoiro de emprego que se está a desenvolver na actualidade. O rexedor municipal xa manifestara daquela a intención por parte do goberno local de “destinar cada ano a partida económica necesaria para financiar a parte do custo do obradoiro a cargo do Concello” e de “solicitar á Xunta de Galicia que colabore á hora de poñer á nosa disposición estes obradoiros de emprego para que nestes catro anos poidamos contar, cada ano, cun novo obradoiro”.