O Concello reordenará o uso do espazo público da rúa Cortiña Vella tralo remate das obras en San Roque

descarga a Proposta de actuación rúa Cortiña Vella 28.01.2021 

A Concellaría de Mobilidade e Tráfico fixo pública a súa proposta de reordenación da utilización do espazo público na rúa Cortiña Vella tralo remate das obras de humanización da rúa San Roque. A proposta conleva converter esta rúa en residencial o que implica prioridade peonil en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h. A rúa Cortiña Vella comunica a rúa do Baratillo coa rúa San Roque, recentemente humanizada.

 

A concellaría que dirixe Roberto Mera remitíu á veciñanza e colectivos sociais e políticos a proposta de reordenación do uso desa zona na que se analizan as características da rúa e as súas problemáticas. Nela saliéntase que a rúa é moi estreita non sendo posíbel habilitar beirarrúas e carril de circulación. Na actualidade non existen beirarrúas nin itinerario peonil de maneira que as persoas que camiñan teñen que facelo pola zona pola que circulan os vehículos. Malia que non dispón de prazas de aparcamento, nalgúns lugares estacionan vehículos ocasionando en ocasións dificultades ao tránsito rodado. Por este motivo, só se permitirá nesta rúa a parada por razóns xustificadas pero non o estacionamento.

O Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas redactado por técnicos de mobilidade establece que nas rúas cuxa anchura non permita crear beirarrúas de 2,50 metros, mínimo para que dúas persoas con paraugas poidan cruzarse sen baixar á calzada, deberase optar pola plataforma única na que convivan peóns e vehículos, con preferencia peonil e limitación da velocidade a 10 km/h. Esta limitación está tamén asumida pola maior parte dos concellos da provincia de Pontevedra que, coma Ponteareas, se adheriron á Rede Ágora.

 

Segundo Roberto Mera, os obxectivos da proposta son “garantir e dar prioridade ao dereito das persoas a camiñar con seguridade e comodidade nunha rúa que desemboca na de San Roque, que tamén é residencial, cunha parte en plataforma única e con limitación a 10 km/h”.

 

A proposta someteuse á consideración de persoas residentes e usuarias dos garaxes, actividades comerciais, taxistas e outros colectivos sociais que poden presentar suxestións ou pedir máis información até o mércores 4 de febreiro.

DESCARGA AQUÍ A Proposta de actuación rúa Cortiña Vella 28.01.2021