III edición do Concurso de poemas ilustrados de Rosalía de Castro

A concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba Bouza, organiza por terceiro ano o concurso de poemas ilustrados “Día Rosalía de Castro”, para homenaxear á nosa grande novelista e poetisa, Rosalía de Castro, nacida no concello de Padrón o 24 de febreiro do ano 1837. Nas súas obras latexa o seu compromiso co pobo galego e coa lingua galega.

 

Este concurso diríxese ao alumnado de 5º e 6º de primaria de todos os centros educativos de Ponteareas. Fernando Groba sinala que a finalidade deste concurso é potenciar a creatividade e o coñecemento da obra da xenial poetisa.

 

O tema dos poemas ilustrados serán os poemas de Rosalía de Castro ou poemas compostos e dedicados á poetisa.

 

O alumnado que pode realizar os traballos de xeito individual ou en grupo, debe empregar o galego e pode empregar as técnicas de debuxo, collage, acuarelas ou similares.

 

Os centros de ensino preseleccionaran tres traballos de cada clase presentada.

 

Os traballos de Primaria recolleranse nos centros por persoal da Concellería de Cultura o día 19 de febreiro.

 

O xurado estará composto polo concelleiro e por representantes dos ámbitos educativos, culturais e da comunicación.

 

As bases poden consultarse na páxina web do concello na pestaña “cultura” ,“bases” ou premendo na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2021/01/Bases-do-III-Concurso-de-Poemas-ilustrados-de-Rosalia-de-Castro-1.pdf

 

“A través desta iniciativa preténdese por en valor a creatividade do alumnado e contribuir ao coñecemento e promoción da lingua e da cultura galega e dunha figura como a de Rosalía que foi unha muller loitadora, reivindicativa, defensora das mulleres, da lingua e da cultura galega”, explica Fernando Groba.