O Concello de Ponteareas, satisfeito coa continuidade do comedor do CEIP Fermín Bouza Brey

O Concello de Ponteareas, satisfeito coa continuidade do comedor do CEIP Fermín Bouza Brey

 

O Concello asumiu a xestión hai seis anos para garantir o servizo. A Xunta sacarao a licitación para o curso 2022/2023

 

O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción ante a notificación da Xunta de Galicia de que asumirá a xestión do comedor escolar do colexio público CEIP Fermín Bouza Brey, único centro público ponteareá do que o goberno autonómico non asumira o servizo. Para garantir a continuidade, durante os últimos seis anos o Concello asumiu a xestión deste comedor “para que o centro deixara de perder alumnado por non poder conciliar a vida laboral e familiar e paliar unha decisión da Xunta que xeraba unha diferencia de trato entre o alumnado dos diferentes centros de ensino da nosa vila”, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

O Concello ponteareá asumiu o servizo no ano 2016 a través dun convenio bianual asinado coa Consellaría de Educación co compromiso de facerse cargo de novo do comedor deste centro ao seu remate. Non obstante, un cambio na postura da Xunta prolongou unha situación transitoria que derivou na subscrición de dous novos convenios en 2018 e 2020 cos que “continuamos coa xestión do servizo e incluso pagando parte do custo do menú”. “Co último convenio xa finalizado, dende xaneiro deste ano solicitamos á Xunta que aclarara a situación, xa que se a Consellería de Educación non se facía cargo do comedor do CEIP Fermín Bouza Brey dende o Concello estabamos dispostos a asinar un novo acordo para garantir o servizo neste centro outros dous anos de xeito subvencionado”, asegura a rexedora.

 

A Xunta de Galicia comunicou ao Concello de Ponteareas que a Consellaría de Educación procederá á licitación deste servizo para o curso 2022/2023.