Participan xunto con outros 200 mozos e mozas nun encontro formativo no que están a compartir ideas e realizando actividades socioculturais
Tres rapaces e rapazas ponteareás participan ata o vindeiro 30 de xuño no Encontro Ibero-Insular de Correspondentes Xuvenís que se está a celebrar no municipio malagueño de Mollina, no que durante tres días están a darse cita máis de 200 mozos e mozas de España e Portugal, así como con directores xerais de Mocidade, persoal técnico e formadores e formadoras.
Os e as tres correspondentes ponteareás forman parte dos 10 integrantes da delegación galega que está durante tres días compartirá ideas e realizará actividades de interese sociocultural nun encontro corganizado pola Axencia Nacional Española para o programa Erasmus+ e o Instituto da Xuventude de España (INJUVE).
“Participar neste tipo de actividades é un gran paso para a nosa mocidade, que continúa aprendendo, implicándose e traballando para poder ofrecer o mellor a todos os rapaces e rapazas da súa vila e sendo piares fundamentais na construción dun futuro máis sostible, inclusivo e dixital”, destaca o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.
Neste encontro formativo, enfocado principalmente á participación xuvenil, abordarase a función e a realidade dos e das Correspondentes Xuvenís, un programa a través do que alumnado voluntario de segundo ciclo da ESO, bacharelato e ciclos medios ou superiores de formación profesional recollen a información en materia de mocidade para trasladala e difundila entre o resto de mozos e mozas das súas vilas, recollendo ademais as súas inquietudes e preferencias.
Xunto con estas actividades, durante estes días lévanse a cabo diferentes obradoiros con propostas elaboradas polos propios correspondentes xuvenís e relacionados cos xogos tradicionais, co mundo sensorial ou coa interculturalidade.