O Concello de Ponteareas preséntase como acusación no procedemento aberto pola operación Patos

O Alcalde explica que se trata de defender os intereses municipais, danados pola actuación de Solla, Villar e o seu goberno

Represas cre que os actuais concelleiros do PP “deben asumir as súas responsabilidades e non seguir danando a imaxe do Concello coa súa presenza na Corporación como concelleiros”

A Xunta de Goberno do Concello de Ponteareas acordou onte luns, 21 de setembro, presentarse como acusación particular na causa xudicial que investiga a corrupción destapada na operación Patos. No marco de dita operación, a UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal) atribúe ao ex alcalde do PP Salvador González Solla e á ex concelleira de Facenda, Belén Villar, a comisión de delitos de prevaricación, falsidade documental e contra a facenda pública.

Segundo a UDEF, as presuntas actuacións delitivas de Solla e Villar están relacionadas coa concesión da estación de tratamento de auga potable a unha empresa e as falsidades cometidas na xustificación de diferentes subvencións. O goberno local considera que “esas actuacións puideron danar ao concello causándolle un prexuízo económico, o cal xustifica a presentación do consistorio como acusación para formular unha acusación particular e esixir a responsabilidade civil, se a houbera, que corresponda en cada caso”. Represas asegura que se trata “de actuar en defensa dos intereses municipais”.

Ademais, o o rexedor anunciou que levará á vindeira Xunta de Goberno unha proposta para que o Pleno acorde constituír unha comisión de investigación que, á marxe das responsabilidades penais, depure as responsabilidades políticas.

Neste senso, Represas indicou que “espero que á vista da investigación policial e das escandalosas conversas telefónicas intervidas, os implicados asuman de inmediato a súa responsabilidade e non sigan danando a imaxe do Concello coa súa presenza na Corporación como concelleiros”. Segundo o alcalde, “os feitos son gravísimos, as acusacións demoledoras, as probas contundentes e as vergonzosas conversas intervidas causan indignación e escándalo a calquera veciño”.

Por último, Represas anunciou que “se colaborará coa xustiza en todo o que precise para esclarecer os feitos e se abrirán as investigacións internas que sexan necesarias de confirmarse, como advirte a UDEF, a implicación de funcionarios”.