O Concello de Ponteareas executará obras de mantemento nos colexios nas vacacións de verán

A Concellería de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, reclama á Xunta de Galicia que realice as obras comprometidas nos centros de Ponteareas. Nestes intres, pola súa parte está acometendo as obras de mantemento e mellora que precisan os centros públicos educativos de Infantil e Primaria de Ponteareas propias da súa competencia pero lémbralle á Xunta que siguen pendentes as obras comprometidas no pasado mes de novembro.

Xa se iniciaron as obras de mellora no interior e exterior do ximnasio do CEIP Nosa Sra. dos Remedios, posteriormente actuarase  nas cristaleras do edificio principal deste mesmo centro Cambio dos valados nos xardíns do CEIP Fermín Bouza Brey e melloras nos baños do edificio administrativo. Ampliación e arranxo perimetral do areeiro do CEIP Ramiro Sabell Mosquera.  Eliminación das filtracións de auga no patio cuberto do CEIP Feliciano Barrera, así como colocación de canalóns de recollida de augas nos edificios.  Mellora do parque infantil do CEIP Santiago de Oliveira segundo o proxecto elaborado polo alumnado para a Bienal de Arquitectura xuvenil (LUDANTIA).

Nas unitarias do CRA, faranse distintas actuacións entre as que destacan a colocación dun rego automático no xardín de Parada, pintura en Parada e mantemento nos peches e valados.

Ademáis seguen os trámites para executar obras de illamento e mellora enerxética na unitaria de Areas e de Ribadetea. Así como tamén da pista de patinaxe do CEIP Santiago de Oliveira (Proxecto Ludantia) e unha pista de seguridade vial para o CEIP Ramiro Sabell.

Reclamación á Xunta das obras comprometidas

Cristina Fernández, lémbralle ao Xefe Territorial da Consellería de Educación, que urxe acometer  no verán as obras ás que se comprometeu xa no mes de novembro, nunha reunión na que as dúas administracións acordaron colaborar na mellora das instalación dos centros escolares de primaria do municipio, e na que afirmou realizar as obras necesarias para que o  CEIP de Santiago de Oliveira contara por fin cun ximnasio e se reformasen os baños do CEIP Fermín Bouza Brey.  Tamén ten pendente a Consellería a realización dun estudio técnico sobre o estado da cuberta do aulario de Infantil no CEIP Ramiro Sabell  no que se detectaron numerosas deficiencias reflectidas nun informe da Arquitecta do Concello e remitido á Xefatura Territorial 

No pasado mes de novembro, dende o goberno de Ponteareas, tamén lle trasladaron a Educación outras necesidades con competencia autonómica como a situación do aulario de infantil do CEIP Nosa Sra. dos Remedios, cuberta do patio interior no IES Val do Tea, novas aulas no CIFP A Granxa e no IES do Barral e información sobre as medicións oficiais do gas radón no IES Pedra da Auga.

É por iso que a Concelleira de Ensino solicítalle ao Xefe Territorial que asuma os compromisos adquiridos no seu momento e as competencias que lle corresponde á Xunta de Galicia con respecto aos centros de ensino de Infantil e Primaria, tendo en conta a colaboración que se lle está a brindar dende o Goberno do Concello de Ponteareas.

Está en xogo o confort e a seguridade do alumnado do noso municipio e debe valorarse a urxencia de moitas das obras e o tempo que levamos solicitando outras moitas que tamén son necesarias antes de que se volvan irremediablemente urxentes.