O Concello de Ponteareas celebra a figura de Rosalía de Castro compartindo o seu “Caldo de Gloria”

O Concello de Ponteareas celebra a figura de Rosalía de Castro compartindo o seu “Caldo de Gloria”

 

Repartirá manteis divulgativos coa receita que a autora mencionou no seu poema “Miña casiña, meu lar” do libro Follas Novas

 

O Concello de Ponteareas celebrará a figura de Rosalía de Castro dende o padal. A través dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, repartirá en manteis divulgativos a receita do “Caldo de Gloria” que a autora galega compartiu no seu poema “Miña casiña, meu Lar” do libro Follas Novas. O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, explica que “repartiremos estes manteis entre os restaurantes de Ponteareas, para que sexan utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía”.

 

O edil tamén quere salientar que con esta iniciativa “queremos poñer en valor a Rosalía de Castro, a nosa lingua e tamén a gastronomía popular que tan ben se recolle nos seus versos”. Groba tamén agradece á Deputación e á Fundación Rosalía de Castro a posta en marcha desta iniciativa ao tempo que aproveita para animar a todos os veciños e veciñas a cociñar este “Caldo de Gloria” nas súas casas.