O Concello de Ponteareas apúntase á transparencia

A concellería de Novas Tecnoloxías e Transparencia, xestionada por Benito Márquez, subirá á web do concello a orde do día e a acta de todos os plenos

transparenciaAs ordes do día e as actas das sesións plenarias celebradas no Concello de Ponteareas estarán a disposición dos veciños e das veciñas da vila na web oficial do consistorio. O novo goberno municipal, a través da concellería de Novas Tecnoloxías e Transparencia que dirixe Benito Márquez, comeza deste xeito a dar os primeiros pasos para achegar toda aquela información que a lei permita para que os cidadáns teñan a oportunidade de coñecer, de primeira man, as decisións que se toman dende a Casa do Concello.

Deste xeito, o venres anterior a todos os plenos ordinarios (que se celebrarán o terceiro martes de cada mes), o departamento de informática subirá á paxina web do concello o documento que fai referencia á orde do día, de xeito que todas as persoas interesadas teñan a oportunidade de consultar, con antelación, os temas que se tratarán na sesión plenaria. O goberno municipal tamén fará públicas as actas resultantes de todas as sesións plenarias, as cales serán subidas á web unha vez sexan aprobadas no seguinte pleno, tal e como establece a lei vixente. A orde do día e as actas dos plenos extraordinarios seguirán o mesmo procedemento.

No referente aos documentos relativos ás Xuntas de Goberno Local, que se celebran todos os luns no despacho de alcaldía, os escritos da orde do día de cada unha delas serán cargados na web o venres previo á súa celebración. Polo de agora, non será posible facer o mesmo coas actas da Xunta de Goberno Local, pois a súa publicación chocaría de fronte coa aplicación da Lei Orgánica de Protección de Datos. Nese senso, o propio concelleiro está estudando a maneira de publicar estes documentos de xeito que non vulneren a mencionada lexislación.

Todos e todas as interesadas teñen xa cargados na web do concello os escritos relacionados coas sesións plenarias e coas xuntas de goberno celebradas dende o inicio da presente lexislatura, que comezou o pasado 13 de xuño.

Dende a concellería xestionada por Benito Márquez comezaron xa os traballos para crear un portal de transparencia no que os veciños e as veciñas de Ponteareas teñan acceso aos documentos derivados dos diferentes órganos dependentes do Concello de Ponteareas e das persoas que os conforman. Trátase dunha medida que permitirá, entre outras cousas, coñecer as retribucións, as declaracións patrimoniais e os rexistros de intereses dos membros da corporación. Márquez asegurou que ”se subirá á páxina web do concello, de xeito progresivo, toda a documentación que sexa posible e que non sexa incompatible coa lexislación vixente”.

Os criterios que se seguirán dende a concellería serán os marcados pola organización non gobernamental “Transparencia Internacional”. Unha entidade que sirve como ferramenta de mesura do nivel de transparencia ante os cidadáns dos concellos españois a través dun documento formado 80 indicadores.