O Concello de Ponteareas acolleu a presentación de “Fegatea móvete, 2014”, da Federación Galega de Teatro Afeccionado

Presentación4 Este martes, 18 de novembro, ás 12 horas, tivo lugar no salón de sesións da Casa do Concello a presentación de “Fegatea móvete 2014”, ciclo de teatro da Federación Galega de Teatro Afeccionado, destinado a promover o teatro afeccionado en Galicia e que será acollido en Ponteareas durante dous días, coa representación de obras maxistrais como “La casa de Bernarda Alba”, interpretada polo Grupo de Teatro El Temple, pertencente á Federación de Teatro de Castilla y León, e “Faust- Box”, posto en escena polo Teatro no Aramio, da Federación Galega de Teatro Afeccionado.
A maxistral obra de Federico García Lorca “La Casa de Bernarda Alba” será representada o día 29 de novembro, sábado, ás 20:30 horas, e “Faust- Box”, será posta en escena o domingo, día 30, ás 18:00 horas. Ambas obras terán como o escenario o Auditorio Reveriano Soutullo, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

A presentación correu a cargo de Salvador González Solla, alcalde do Concello de Ponteareas ,Andrés Sampedro Fernández,concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Ponteareas,e Chelo Pampillón Alonso, presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea).

Neste acto, o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, destacou a aposta do Concello de Ponteareas polo teatro, representándose durante todo o ano múltiples obras teatrais, que se enmarcan dentro das diversas actividades culturais que se programan desde o Concello para poder ofrecer unha oferta cultural diversificada para os gustos de todos os veciños.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, anima a todas e todos os veciños a que asistan a estas dúas representacións, unha dunha obra tan coñecida como “La casa de Bernarda Alba” e, outra, de carácter innovador, como é Faust- Box, que asombrará a todos os asistentes.

A presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, Chelo Pampillón, puxo de manifesto a importancia de ir gañando espazos para o teatro, subliñando que está moi contenta por ser a primeira vez que Fegatea colabora co Concello de Ponteareas. Igualmente, agradeceu a colaboración da plataforma “Platta”, integrada pola Federación de Teatro de Castilla y León, Comedias do Minho, Portugal, e a Fegatea.