O Concello avanza as obras de Ponte Xil para dar solución aos danos provocados polas chuvias dos últimos anos no afluente do Uma

O Concello avanza as obras de Ponte Xil para dar solución aos danos provocados polas chuvias dos últimos anos no afluente do Uma

As obras suporán un investimento de máis de 60.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023

Xa están en marcha os traballos de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade, unha zona que presentaba importantes deficiencias tras os danos provocados polas intensas choivas nos últimos anos. Tras os trámites necesarios para obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o Concello xa está a realizar na zona as obras “para solucionar os problemas de drenaxe insuficiente o afluente do Uma por mor da rotura das tubaxes de formigón”, como explica a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.

Os traballos de reparación dos danos suporán un investimento de máis de 60.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e estarán rematados en apenas dous meses. Estas obras permitirán construír un novo pontón que substitúa as tubaxes actuais, renovando todo o tramo do camiño afectado.

Para a súa execución, a empresa concesionaria ten que demoler todo o tramo afectado, polo que se realizará un desvío provisional do leito do río. “O obxectivo destas obras é renovar o paso actual para volver poñer en servizo a estrada municipal, mellorando a seguridade viaria do camiño, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos veciños e veciñas”, recalca Garrote. Trátanse duns traballos complexos, polo que a concelleira agradece ademais a paciencia da veciñanza da zona pola demora no inicio dos traballos e polo tempo que duren as obras.