Máis de 1.400 estudantes de infantil, primaria e secundaria botarán a lingua fóra para reivindicar o galego en Ponteareas

Máis de 1.400 estudantes de infantil, primaria e secundaria botarán a lingua fóra para reivindicar o galego en Ponteareas

O Correlingua chega á vila este mércores 3 cunha andaina por varias rúas do centro e actividades no parque da Feira Vella

Máis de 1.400 nenos e nenas de educación infantil, primaria e secundaria de centros de ensino de Ponteareas, O Porriño, Tui e As Neves percorrerán a vila do Tea ao abeiro do Correlingua, unha iniciativa de concienciación, promoción e normalización da lingua galega nas aulas organizada pola CIG Ensino, Asociación Sociopedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística en colaboración coas concellarías de Ensino e Lingua do Concello de Ponteareas e coas Deputacións de Pontevedra, da Coruña e Lugo.

“Para nós é un orgullo acoller un ano máis este acto e animar a todos os nenos e nenas a amar o galego da mesma maneira que amamos todas as linguas e a súa riqueza. Porque queremos un galego que se fale en todos os ámbitos da nosa vida e chegue a todos os recunchos do mundo”, salienta a alcaldesa e responsábel de Ensino, Cristina Fernández.

O Correlingua chegará este mércores 3 de maio ao parque da Feira Vella e percorrerá varias rúas do centro baixo o lema “Na casa, na escola bota, a lingua fóra”, unha xornada reivindicativa na que rapaces e rapazas poderán gozar de actividades de lecer nas que empoderar a lingua galega. “Xornadas coma esta son moi necesarias para que a cativada e a mocidade coñeza o valor de contar cunha lingua propia”, como explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.

A festa do Correlingua en Ponteareas será presentada por Fran Rey e o alumnado participante poderá desfrutar da música de Mekánika Rolling Band, un dos grupos gañadores do Cantalingua.