O CEIP Ramiro Sabell incorpora no seu currículum a terapia asistida con cans

A concellería de Ensino do concello de Ponteareas apúntase ás técnicas de aprendizaxe máis novidosas e ofértallas aos centros educativos de Pontearas para dotalos de novas ferramentas educativas.

O CEIP Mestre Ramiro Sabell acolleu con ilusión a proposta da concelleira Cristina Fernández de incorporar no seu curriculum a terapia asistida con cans para alumnos con necesidades específicas.

Deste xeito, Eco e Uma visitan o colexio nº3 cada semana para traballar en equipo co alumnado de infantil e primaria que precisa da súa axuda. Guiados pola psicóloga Eugenia Correas e a técnico Julia Correa, de Yaracán, estes dous labradores son especialistas en acadar obxectivos en grupo dentro das clases de terapia complementaria que este centro xa integrou no seu curriculum.

Aprender a valorar ao resto dos membros do equipo, saber empatizar, dar oportunidades, repartir tarefas e un sinfín de técnicas didácticas que se producen nestas clases nas que a emotividade xoga un papel esencial.

Segundo explica a concelleira, as intervencións asistidas con animais intégranse nun proceso terapéutico ou educativo e están deseñadas para mellorar o funcionamento cognitivo, físico, social ou emocional dunha persoa, cuns obxectivos específicos delimitados no tempo e criterios médicos ou educativos de avaliación.

Cristina Fernández apostou por esta terapia como reforzo para o alumnado con características específicas como o autismo, discapacidades varias ou trastornos de atención, entre outros aspectos.

Despois do éxito acadado no curso pasado coas primeiras visitas dos profesionais de Yaracan aos colexios, Fernández Dávila non o dubidou e propuxo á dirección do Ramiro Sabell contar cunha nova experiencia didáctica para os nove alumnos con necesidades especiais que o director do centro, Jose Antonio Dacuña valora positivamente destacando que se conseguiron os obxectivos marcados e que foi moi beneficioso para o alumnado.