Nova aposta pola eficiencia enerxética coa iluminación de baixo consumo nas pistas de tenis da Freixa

Os e as tenistas da última edición do Torneo de Tenis organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co concello estrearon a nova instalación lumínica instalada polo concello de Ponteareas nas pistas de tenis da Freixa.

En consonancia coas liñas marcadas na estratexia de crecemento “Ponteareas, Hábitat Saudable” o concello aposta pola eficiencia enerxética mediante a instalación de proxectores led de baixo consumo e de alto rendemento (maiores do 70%) de última xeración con elevada vida útil fronte a outras tecnoloxías.

A obra, convocada a través dun proceso de libre concurrencia, foi realizada por unha empresa local e contou co financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra cun custe total de 21.586,78 €.

Con esta instalación contribúese a un aforro nas emisións de gases invernadoiro CO2 e un aforro económico do que será beneficiaria o conxunto da sociedade.

Os leds contan cun conector para a súa doada reposición de forma independente con máxima precisión óptica e de deseño compacto totalmente encapsulado, protexidos para cortocircuito e circuíto aberto.

Para a súa instalación foron precisos distintos traballos de aperturas de gabias no terreo para colocar as canalizacións, as tomas de terra e as arquetas de electricidade, entre outras labores para proceder despois á reposición do pavimento.

Esta instalación xa foi desfrutada no recente campionato de tenis recibindo o concello o agradecemento do club que lle trasladou que grazas a este investimento se puido ampliar os horarios dos partidos.