Miguel Alonso presenta «O caso Quintana» no Venres D_letras

O músico e escritor Miguel Alonso vai presentar este venres a súa primeira novela, «O caso Quintana», dentro do ciclo Venres D_letras, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas. Con este ciclo pretende dárselle visibilidade aos autores galegos e, nomeadamente, á situación actual da literatura de noso. A actividade desenvolverase o venres, día 10, a partir das 20:30 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

«O caso Quintana» é unha novela xuvenil de intriga, na que dúas rapazas, estudantes de Psicoloxía na USC, deberán empregarse a fondo para solucionar o misterioso asasinato dun dos profesores da Facultade e máis dunha alumna. A novela é debedora dos clásicos do xénero; mesmo as protagonistas semellan un Sherlock Holmes e un Doutor Watson de noso, desenleando os fíos que levarán á resolución final do caso.

Miguel Alonso é coñecido como músico, con varios discos publicados e numerosos recoñecementos a pesar da súa xuventude. Na súa faciana literaria xa participou en diversas obras colectivas. «O caso Quintana» é o seu primeiro traballo individual.

O ciclo Venres D_letras terá continuidade no mes de decembro coa presentación de «As receitas de Rosaura», da escritora ponteareá Isabel Blanco dirixido a un público infantil.