Manifesto do poeta Kiko Neves polo día da Patria Galega

No Día da Patria: Sen as aldeas non sodes nada.

A riada de refugallos ciscados pola Praza da Eirexa revelaba que a feira do sábado xa rematara. Era na fin dos anos anos oitenta; a tradición do mercado de Ponteareas, xacando, mudara en costume serodio: atrancado irreparabelmente en xeitos de outrora, esmorecía sen remedio á beira das portas do primeiro supermercado.

Calculo, pois, que habían ser contra as catro da tarde. Paseaba co Moncho. Latricabamos, mal que lembro, verbo da concluínte replica do Beiras a Casares por aquilo de <Nin colonia ni xampú: desodorizante>; ou do indispensábel pulo anarcohihilista agachado na <Apoteose do Churrasco>, de Suso de Toro; ou da prodixiosa lenda que emparellaba a Exeria co Prisciliano; ou, supoño, das poucas posibilidades de apañarmos un bus a Compostela ao día seguinte.

Foi, entón, cando, á beira da cabina dos teléfonos, un home de fato cincento, gravata preta e paraugas ao lombo, chamou por nós. Era obvio que lle pesaban máis as cuncas de viño que as racións de callos. Achegámonos. Ollounos en fite. Saudounos cun señoritangos, e sentenciou: “Ponteareas sen as aldeas non é nada”. Repetiuno, aínda, a berros, para se arredar de nós: “sen as aldeas non sodes nada”. Quedamos pampos. Aí o tes, dixo o meu compañeiro. E comprendín, cal epifanía laica, antes de que el falara máis: o senso da patria abordounos dacabalo dun paisano con paraugas nunha testuda tarde de xullo.

Os fitos, as mouteiras, as referencias de noso, as que nos fan pobo, as que constrúen os alicerces da nación e expresan a conciencia de patria, nacen das aldeas, das vellas parroquias suevas, das freguesías que nos sitúan no mundo.

Son (ou viñan sendo?) o espello –aquí, alá e acolá, espalladas por todo o país– da nosa identidade colectiva, o berce dos nosos caracteres antropolóxicos, lingüísticos, sociais, culturais, económicos e xeonómicos.

Porén, en troques de lles acrecentar o valor como cerna e orixe do noso patrimonio, agachámolas, afastámolas, rexeitámolas, mesmo, nas normas (sempre alleas) que rexen no noso territorio.

Que si, certamente, que xa somos nesta altura metropolitanos e periurbanos, desenvolvémonos no territorio global, nas redes dixitais, no internacionalismo; somos labregas informatizadas, mariñeiras guiadas por satélites e xente de letras e ciencias por riba de todas as fronteiras.

Así e todo só seremos quen cos pés no chan, no eido da casa dos devanceiros, sempre no abrente, co aloumiño na fronte que nos deixa a nosa historia colectiva, a nosa Patria, a Terra Nai, e tamén, sempre, a nosa Fratría iconoclasta.

Vindiquémonos, pois –dende o Condado, dende Ponteareas, Vila de Aldeas– freguesía a freguesía, facendo país, celebrando a Patria como altofalante da afirmación da nosa natureza nacional: a Galiza ceibe, parroquial, con conciencia propia de ser e de estar.

E deámoslle, ao cabo, a volta ao xeito de estar: de estarmos, de estar no mundo; ao estado das cousas, para mudarmos o noso estado de ánimo, o noso estado de saúde, o noso estado lamentable; e progresemos, xa que logo, do estado sólido ao estado líquido para revirarmos o estado civil, o estado de sitio e o Estado español.

Naquel día seguinte, o Moncho e máis eu, apañamos un autocar até o sartego de Prisciliano e na caterva organizada para berrar a prol da Galiza, deitamos os apupos precisos, que levaban o nome de Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade, Guláns, Moreira, Nogueira, Oliveira, Padróns, Paredes, Pías, Prado, Ribadetea, San Lourenzo de Oliveira, San Mateu de Oliveira e Xinzo.

Kiko Neves: no 24 de xullo, 2018.