O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Deportes, Benito Márquez, manifestaron o seu total apoio a un “deportista de elite como Porto, que sempre deixa o nome de Ponteareas ao máis alto nivel”
O seleccionador de ciclismo adaptado, Félix García Casas, incluíu ao ponteareán José Enrique Porto no equipo que defenderá a España no Mundial de Pista que se celebrará do 17 ao 20 de marzo na localidade italiana de Montichiari.
Porto participará o sábado na modalidade de quilómetro e o domingo na de velocidade no tándem que forma agora xunto a José Antonio Escudero, que foi medalla nos xogos de Atenas e en varios mundiais.
A de Montichiari é a última competición internacional que outorga puntos clasificatorios para os Xogos Paralímpicos de Río de Xaneiro que se disputarán este verán.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes quixeron felicitar, apoiar e desexar toda a sorte posible a un deportista que sempre pon a Ponteareas no máis alto. Non en vano, Porto conseguiu dúas medallas nos Xogos Paralímpicos de Londres vén de acadar, no campionato do Mundo do pasado ano 2015, a medalla de prata na modalidade de tándem de velocidade.