O Pleno esixe á Xunta de Galicia de maneira unánime a implantación do comedor no Bouza Brey para o vindeiro curso

A corporación apoiou a proposta do goberno na que se pide que a Consellería de Educación xestione o servizo a partir do curso 2016/2017

comedor-fermin-bouza-brey-1A corporación ponteareá foi unánime á hora de esixir á Xunta de Galicia que implante o servizo de comedor escolar no CEIP Fermín Bouza Brey a partir do curso académico 2016/2017. A proposta foi defendida na sesión plenaria pola concelleira de Ensino, Cristina Fernández, e contempla que a xestión deste servizo sexa asumida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “pois non se entendería que fora doutro xeito tendo en conta que a competencia nesta materia é autonómica, non municipal”.

Fernández lembrou que este centro “leva anos perdendo alumnado”. De feito, no curso 2011/2012, este centro contaba con 620 nenos e nenas. Nese período, o CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera foi gañando alumnos ano tras ano e o CEIP Nosa Señora dos Remedios mantivo o seu número, polo que “a explicación destas evolucións está directamente relacionada coa presenza de comedor nos dous últimos e a carencia do mesmo no primeiro”, asegurou Cristina Fernández.

A edil de Educación tamén quixo recalcar que o Concello “xa se fixo cargo de diversas obras no centro para acelerar a implantación deste servizo de comedor, como a habilitación dunha sala de 160 metros cadrados”.

Tanto o goberno como o resto da corporación local votaron, asemade, a favor dunha emenda de engadido neste punto, presentada polo grupo EU-Son, na que o Concello se compromete a xestionar o servizo, sempre financiado pola Xunta de Galicia, no caso de que esta última se negue a facerse cargo da xestión e organización do mesmo, tal e como se demanda na primeira parte na proposta. Tanto nesta primeira parte como na moción de engadido, o financiamento sempre correría a cargo da Consellería de Educación, residindo a única diferenza entre as dúas no organismo que se encargaría de organizar o servizo.

 

Desafectacións das casas dos mestres

A sesión tamén serviu para aprobar a solicitude de desafectación das casas dos mestres número 3 e 11, ademais da Casa Escola situada na parroquia de San Lourenzo de Oliveira. A solicitude xa lle foi remitida á Xefatura Territorial da Consellería de Educación e obedece á “urxente necesidade que ten este Concello de dispoñer de locais para albergar distintos colectivos ou pasar dedicalos á prestación de diferentes servizos municipais, así como de dotar á parroquia de San Lourenzo dun mellor espazo para destinalo ao Centro Cultural”, sinalou Cristina Fernández, quen engadiu que “estes espazos xa non son utilizados para os fins educativos para os que foron creados no seu día”.

Ademais, o pleno acordou tamén a desafección definitiva das vivendas número 9, 15 e 17 da Rúa dos Mestres, quedando extinguido o título xurídico de ocupación e figurando, oficialmente, como bens patrimoniais do Concello de Ponteareas.

 

Baixada da bandeira da UE

O Concello de Ponteareas ten, dende hoxe, a bandeira da Unión Europea que ondea do balcón da Casa do Concello baixada, en sinal de protesta polo principio de acordo que os 28 xefes de Estado dos diferentes países que conforman o ente comunitario acadaron a semana pasada en Bruxelas.

A moción de urxencia presentada polo goberno contou cos votos a favor de todos os grupos municipais, agás o PP, que se abstivo. O documento asinado por todos eles “vulnera de maneira flagrante o dereito de asilo daquelas persoas recoñecidas como migrantes por ser vítimas de guerra e permite expulsións masivas de refuxiados hacia Turquía e incluso cara determinadas zonas de Siria, incumprindo as diferentes lexislacións nacionais, a Convención de Xenebra e as directivas europeas”, tal e como afirmou Xosé Represas, alcalde de Ponteareas.