O Goberno de Ponteareas leva a Pleno as alegacións ao proxecto da Xunta para a estrada PO-403 en Angoares e Moreira

O goberno de Ponteareas, en consenso cos colectivos veciñais de Angoares e Moreira leva a Pleno as alegacións e propostas para mellorar a seguridade na estrada PO-403. As alegacións recollen o sentir da veciñanza contra o proxecto da Xunta de Galicia, nas reunións convocadas polo alcalde, Xosé Represas, para tratar sobre este proxecto e a inseguridade viaria e os riscos que a diario soportan os veciños, especialmente de Angoares,  dende a apertura da A-52 hai 20 anos.

 Nas alegacións instan á Xunta a concretar e incluir obras significativas no proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-403, principalmente abordando melloras integrais para peóns con beirarrúas e pasos de peóns elevados, facilitar a conexión coas estradas municipais para a tráfico diario dos veciños e veciñas que viven nas zonas polas que cruza a PO-403.

Nas reunións e na camiñada realizada o pasado sábado ao pé da estrada da Xunta quedou ben patente o malestar da veciñanza cunha situación que se arrastra dende hai dúas décadas por convivir ao pé dunha estrada que non está preparada para a carga de tráfico da autovía que soporta. “Esiximos á Xunta de Galicia a asumir os seus propios compromisos realizando o proxecto de circunvalación para retirar da estrada comarcal PO-403 os miles de vehículos que non deben circular por ela”, manifestou Xosé Represas lembrando a convenio asinado en 2015 para que Fomento posteriormente execute vial de conexión de núcleo urbano de Ponteareas co enlace da autovía en Moreira.

Analizado o proxecto presentado pola Xunta en conxunto coa veciñanza, o goberno de Ponteareas considera que non responde as necesidades de Angoares e Moreira, non resolve de forma efectiva as principais problemáticas do treito; non contempla a continuidade de beirarrúas, non se cumpre coa normativa de accesibilidade, non se permitin parte dos movementos entre as estradas muncipais, etc.,  Os veciños puxeron como exemplo de medidas de calmado de tráfico as realizadas pola Deputación nas estradas provinciais e reclaman que a Xunta actúe neste tramo cos eses criterios para mellorar a seguriadade viaria.

Non se concretan actuacións para completar as beirarrúas hoxe en día descontinuas nun ámbito moi edificado, e con intensa presencia peonil; non se melloran as condicións do alumeado público que son básicas pola existencia de edificacións en aliñación de viario, tampouco se mitiga o problemas derivado do exceso de velocidade, mais o contrario, salvo no caso da glorieta o resto de canalizacións establecidas nas dúas interseccións extremas, poden incitar ao contrario. Por outra banda preséntanse problemas no firme que non veñen reflectidos, fallas de sinalización, balizamento e contencións, etc que deberan ser analizadas.

Por todos estes motivos, o goberno de Ponteareas esixirá que se completen os percorridos peonís en ambas marxes, cumprindo condicións da normativa de accesibilidade, tanto de forma xenérica (largos efectivos de beirarrúas e sendas), como nos puntos singulares (pasos de peóns, etc). Esta actuación deberá estenderse ata a parroquia de Moreira ao outro marxe da A52, incluíndo unha senda á altura do paso baixo a A-52 (núcleo de Requeixo, Amarela, Macadín).

O goberno tamén reclamará a inclusión dun proxecto de alumeado público en aliñación sobre todo o percorrido, completando os escasos treitos que agora teñen alumeado. Estendido a todo o percorrido, e con condicións de homoxeneidade, cumprindo as condicións do regulamento de eficiencia enerxética no alumeado exterior.

Ademais, solicita establecer medidas de redución efectiva da velocidade nos treitos rectos e de pendente mediante medidas físicas como redutores de velocidade e sinais luminosos, etc

Mellorar e ampliar as zonas de pasos de peóns, estudando as condicións de visibilidade/velocidade, con suxeición á normativa de accesibilidade  tamén está entre as peticións da veciñanza e do goberno, así como estudar en todo o tramo, de forma xustificada e coordinada co Concello, as melloras de accesibilidade e engarce co resto do viario transversal, priorizando as actuacións para que sexan efectivas a corto e medio prazo, minoren as afeccións, e permitan a mellor flexibilidade cara a garantir a permeabilidade cara o resto da trama residencial (xiros á esquerda, etc). 

O goberno de Ponteaeas explica que “grande parte das demandas do Concello, que se concretan no planeamento municipal en fase de aprobación definitiva, non se ven reflectidas no proxecto, por exemplo na definición dunha glorieta en Moreiras na saída da futura circunvalación leste” e lembra que “non cabe obviar que o treito reúne unha densidade residencial moi importante (clasificada como solo urbano e de núcleo nun treito moi significativo do percorrido), e sofre unha intensidade de tráfico moi por riba das condicións técnicas da vía (máis de 10.000 veh/día)”.