A Federación de Comercio, Hostalería e Servizos de Ponteareas realizou a súa asemblea constituínte

A primeira xunta directiva da recen creada Federación de Comercio, que substitúe á actual Xunta Xestora, está formada tanto por representantes das asociacións como de comerciantes individuais non incluídos en ningunha delas.

A concelleira de Comercio Inés Vidal, salientou “a vontade de entendemento” de todo sector comercial e hostaleiro e gabou “as ganas de facer cousas da nova Federación de cara a colocar ao sector comercial e hostaleiro, no sector protagonista que sempre tivo nas comarcas”

 A recen creada Federación de Comercio de Ponteareas, celebrou a semana pasada a súa asemblea constituínte de cara a nomear á que xa é a primeira Xunta Directiva da Federación que substitúe á actual Xunta Xestora. A nova directiva está formada por 10 persoas representantes tanto das asociacións incluídas na Federación como dos comerciantes individuais.

Precisamente, a presenza de comerciantes ‘non socios’ das asociacións existentes na Xunta Directiva, vén recollida no artigo 22 dos Estatutos da Federación, que sinalan expresamente que “a Xunta Directiva estará formada por dous representantes de cada asociación membro e dous representantes do conxunto de socios individuais do sector hostaleiro e dous do conxunto de socios individuais do sector comercio”.

Nese sentido, a concelleira de Comercio, Inés Vidal, mantivo en días pasados unha reunión, á que asistiron preto de trinta comerciantes e hostaleiros non incluídos en ningunha das asociacións, de cara a “acadar unha participación activa dos mesmos na Federación de Comercio, con voz e voto”.

Logo do traballo previo de elaboración dos Estatutos e unha pequena campaña informativa sobre a Federación, procedeuse entre eles á elección de dúas persoas por cada un dos sectores representados dando forma á nova Xunta Directiva, que quedou como segue:

Asociación Praza de Abastos: Antonio(carniceiro) como Tesoreiro e Marisol (pescadeira) como Vogal.

Asociación Hostalería: Marcos (Cafetería La Clave) como Vogal e Doro (Tapería McDona) como vicepresidente.

Asociación Ponteareas Comercial: Pilar Rivero (Mercería Alpi) e María (Barriguiñas) como vogais.

Conxunto individual do comercio: Laura Parto (Floristería Román) como Secretaria e Estrella Rodríguez (Tien21) como Vogal.

Conxunto individual da hostalería: María (Tapería La Sartén) como Presidenta e Rocío (Tapería O Muíño) como Vogal.

A concelleira de Comercio do Concello de Ponteareas, Inés Vidal, aproveitou a Asemblea Xeral da nova Federación de Comercio para presentar unha proposta de actuacións do sector para o 2017, tal e como pediron os comerciantes e hostaleiros, amosou a súa satisfacción pola posta en marcha “dunha iniciativa que permitirá que o sector comercial e hostaleiro de Ponteareas traballen na mesma dirección na procura dun obxectivo común”.

Inés Vidal subliñou o espírito de colaboración e as ganas de traballar “de todos e cada un dos homes e mulleres que compoñen a nova Federación e a súa Xunta Directiva” e agradeceu tanto ás asociacións como aos comerciantes individuais “a confianza posta, dende o comezo, nun proxecto unido que coloca ao comercio e hostalería de Ponteareas no século XXI e devólvelle ao Ponteareas o protagonismo como núcleo comercial das comarcas circundantes”.