A deputada Marta Iglesias visitou o curso de ´ Cociña Tradicional Galega’ impartido na asociación de Mulleres Rurais do Tea

IMG_9475-ASOCACIONMULLERESA deputada provincial Marta Iglesias visitou o curso Cocina Tradicional Galega, incluído no programa ‘Pensa en Ti’, que se imparte na asociación Mulleres Rurais do Tea, en Ponteareas. O acto contou coa presenza do alcalde, Salvador González, e da súa concelleira de Servizos Sociais, Marisol Valado.
O Concello ponteareano acolle un total de medio centenar de cursos de 30 disciplinas diferentes, que están a ser desenvolvidos nun total de 45 asociacións do municipio e nos que participarán preto dun millar de persoas.
No acto, a deputada Marta Iglesias agradeceu o labor da asociación e animou os seus directivos a continuar contando coa Deputación para a organización de ciclos formativos.
A Administración provincial financia cursos do programa ‘Pensa en Ti’ neste colectivo ponteareano dende o ano 2007, con temáticas tan diversas como a Lenzaría no Fogar, Encaixe de Palillos, repostaría, Internet e correo electrónico, ou Cociña Tradicional Galega.

O rexedor municipal, González Solla, mostrou a gratitude do concello coa Deputación polo seu labor de axuda cara a colectivos representativos como os maiores e a súa ocupación do tempo libre, ou as persoas con minusvalideces.
En concreto, 17 asociacións de Ponteareas organizarán cursos do ciclo ‘ Ti tamén contas’ e 28 colectivos farano da programación ‘Pensa en ti’. O primeiro é un programa dedicado á promoción das relacións sociais das persoas maiores e á cobertura do seu tempo de ocio. O ciclo ‘Pensa en ti’ está envorcado sobre a concienciación das mulleres e dos homes sobre o seu papel na sociedade actual, o fomento do desenvolvemento persoal ou de grupo, a mellora da calidade de vida ou a mellora da integración social e a loita contra o illamento.
O ano pasado os dous programas de ocupación do tempo libre para maiores implicaron o desenvolvemento de preto de 550 cursos na provincia, nos que participaron máis de 8.600 persoas.

A Administración Provincial achega nestes momentos 3,5 millóns de euros anuais ao desenvolvemento de políticas sociais no sur da provincia, dos cales 1,6 millóns son axudas directas a colectivos de apoio a persoas con necesidades, e máis de 700.000 serven para as asociacións envorcadas nas emerxencias sociais. En concreto, o desenvolvemento dos cursos de ocupación para maiores teñen reservado un investimento próximo aos 600.000 euros no presente exercicio económico.
A programación que se realiza en Ponteareas aborda temáticas tan variadas como a ximnasia de mantemento, a elaboración de tapas, bailes de salón, pilates, tapizaría, xogos tradicionais, herboristería, pintura, cestaría, confección de bixutería, zumba, corte e confección, dietética e nutrición, panadaría e repostaría, Patchwork, risoterapia, tarefas do campo ou elaboración de licores, entre outros.