Concerto da pianista Anna Sarkisova en Ponteareas

A Concellaría de Cultura, dentro da programación deste mes de maio, organiza un recital da pianista armenia Anna Sarkisova este sábado día 22 ás 20 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. A entrada é de balde, até completar aforo. Para reservar entrada, hai que enviar un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal

 

O talento de Anna Sarkisova foi recoñecido a idade temperá, despois de que a nai a introducise no mundo da música, e debutou aos oito anos. Baixo a batuta do seu profesor Igor Yavryan, progresou rapidamente e, aos 17 anos, gañou o seu primeiro premio no Concurso Internacional de Piano “Citta Dei Senigallia” en Italia. A partir desa data, foi convidada a participar en varios festivais de música internacionais de prestixio.

 

A súa formación nas escolas rusa e austríaca confírelle, ao seu xeito de tocar o piano, unha ampla perspectiva musical, evidente na súa capacidade técnica, así como na comprensión das interpretacións musicais.

 

Dentro do repertorio da actuación, interpretará pezas de clásicos como Haydn, Liszt ou Rachmaninoff e así como tamén do seu compatriota Babajarian.

 

“O potencial musical de Ponteareas pasa por valorarmos actuacións de artistas destacadas do panorama internacional como poden ser Anna Sarkisova ou todas e todos aqueles que adoito participan nas distintas xornadas e edicións do Festival Groba. A música clásica está moi enraizada no noso municipio e nas e nos nosos músicos e compositores e precisamos implementar e incentivar actividades que nos alimente ese talento de noso. Xa que logo, cando a Fundación Groba, a nosa cómplice nesta ocasión, nos dixo que tiñamos a posibilidade de traermos a esta excelente pianista para a nosa veciñanza, non dubidamos en absoluto”, sinala Fernando Groba, concelleiro de Cultura.