Galician Brew, Foncalgás Xinzo e Guillermo Rodríguez, Premios “Ponteareas, Lingua e Empresa” 2020

  O Concello de Ponteareas entregou os Premios “Ponteareas, Lingua e Empresa”, relativos ao 2020, na Gala da Lingua de homenaxe á escritora Xela Arias Castaño.  A través destes galardóns o Consistorio quixo recoñecer o labor de persoas e empresas que, día a día,  achegan a lingua, dun xeito normal, aos consumidores e consumidoras e contribúen, deste xeito, ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial.

Os premios -unha obra do escultor ponteareán Silverio Rivas e un diploma acreditativo- recaeron en Guillermo Rodríguez Fernández, na  categoría de “Traxectoria do uso da lingua ao longo de décadas”, empresario e xornalista que foi quen de fundar e dirixir empresas editoriais radicadas en Ponteareas e que sacou á rúa A Peneira, un dos poucos xornais en papel escrito integramente en galego que se mantivo en circulación durante varias décadas; Foncalgás Xinzo SL, empresa de fontanaría e enerxías renovábeis, na categoría de “Uso continuado da lingua galega”, polo uso do galego como lingua de comunicación e publicidade da empresa, tanto a través do seu sitio web como das redes sociais, ou campañas publicitarias en calquera soporte; e Galician Brew SL, empresa produtora e comercializadora de cervexas, na categoría de “Incorporación recente ao uso da lingua galega”, pola contribución á visibilización da lingua galega na publicidade e etiquetaxe das súas marcas comerciais que chega aos consumidores e consumidoras en galego como sinal de identidade e garantía de orixe.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, e a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, felicitaron e destacaron a importancia de desenvolveren a súa actividade no idioma propio do país e de se converteren nos seus axentes dinamizadores e normalizadores. “Estes premios veñen visualizar e recoñecer aquelas empresas e aquelas persoas empresarias que usan e prestixian co seu uso o noso idioma no seu labor diario” indica o edil de Lingua.