Concello e Confederación Hidrográfica comprometen as súas partidas para a mellora da EDAR

O Alcalde Xosé Represas e a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, reuníronse onte co novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díz, para concretar o seu compromiso económico e establecer a parte que cada un deles asume do investimento previsto de 4.500.000€ para a mellora da EDAR da Moscadeira e do colector dende Pedra de Auga. Con isto garantizarase a depuración das augas

Retomando as conversas xa iniciadas co anterior presidente da Confederación Hidrográfica e para dar continuidade aos acordos acadados, onte concretouse o compromiso da Confederación de asumir o 60% do investimento previsto (2.700.000€), quedando un 40% que será asumido ata un máximo do 20% polo concello e o restante pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia.

Represas e Garrote agradecen a boa predisposición da Confederación Hidrográfica e de Quiroga Díz, permitindo que hoxe o proxecto de saneamento e ampliación da depuradora estea entre os seis máis prioritarios do Estado en Galicia. 

“Froito da tenacidade deste goberno, do traballo participativo e do bo entendemento coas distintas administracións estamos hoxe xa na recta final para comezar esas tan necesarias obras”.

Alcalde e Tenente de Alcalde destacan a importancia desta reunión co novo presidente da Confederación ao permitir establecer unha liña directa de diálogo para axilizar e avanzar nas tramitacións e autorizacións dos diferentes proxectos que ten Ponteareas e nos que tamén está implicada a Confederación ao vertebrar o noso concello o río Tea. 

Ao encontro tamén asistiron técnicos das duas administracións e enriba da mesa estudáronse os avances dos dous proxectos que están en marcha, deténdose nos detalles do futuro tanque de tormentas que reterá os excesos de caudal e regulará o paso da auga á depuradora garantindo a depuración de todas as augas que chegan e evitando que saían polo aliviadeiro os días de máis caudal.

Tamén houbo tempo para falar dos requerimentos da Xunta sobre o plan xeral en canto a saneamento, que quedaría solucionado con este proxecto, e a disposición xurídica dos recursos hídricos necesarios para as previsión de crecemento. Na reunión tamén trataron diferentes proxectos pendentes de tramitación urxente e autorizacións por parte da Confederación e asuntos vinculados á estratexia Ponteareas, Hábitat Saudable. 

Ademais, tamén se abordaron cuestións como a retirada de arborado en determinadas zonas do río que xa se está a realizar e que se ampliará a novos puntos. 

A EDAR situada na Moscadeira dispón dunhas instalacións que dende hai décadas resultan insuficientes para tratar o caudal que recibe, “no seu día non foi dimensionada para as necesidades reais de Ponteareas e as parroquias que podían conectarse á mesma. Para superar esta limitación da capacidade o estudo contempla propor alternativas e redactar os proxectos para a mellora do saneamento no casco urbano e aglomeracións limítrofes de Ponteareas e da depuradora”, explica Chus Garrote. 

O alcalde tamén explicou que se realizará unha análise da situación da rede de saneamento e de caudais de augas claras no núcleo urbano. Tamén fixará a súa atención nas filtracións que non deben ir á actual depuradora e teñen que ser encauzadas ao río Tea.

Este estudo permitirá dispor dunha completa información da rede de saneamento urbano da que se carece con planos xeoreferenciados nos que se indiquen arquetas, trazados, cotas, pendentes, materiais, conexión entre os diversos elementos tanto pluviais como fecais ou mixtas. O estudo planteará solucións a corto prazo para a separación de augas que non deben ir ao saneamento 

A depuradora existente foi construída no ano 1989 e no 2010 realizouse unha actuación menor de mellora do pretratamento pero xa nese momento a instalación recibía un caudal moi superior ao que podía tratar.