Chega a carreira máis solidaria do ano, as 6 horas Vila do Corpus recadará fondos para Down Vigo

O concello de Ponteareas e os Corredores Festeiros presentaron a III edición da carreira nocturna “6 horas Vila do Corpus” que terá lugar esta fin de semana a partir do sábado 13 de xullo ás 20 horas, no acto de presentación estiveron o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a concelleira de Deportes, Nahir Covelo, ademais dos organizadores.

Baixo o lema “Sen límites, Km pola inclusión” os Corredores Festeiros convidan un ano máis a amosar o noso lado máis solidario e a pór a proba a nosa resistencia dando tantas voltas como se poida nun circuíto urbano dun quilómetro de lonxitude durante seis horas que dura a proba.

A carreira comeza o sábado 13 de xullo ás 20 horas e remata o domingo 14 ás 02:00 horas. As rúas de Ponteareas volverán encherse de corredores e de persoas que acuden para desfrutar deste encontro deportivo.

De xeito individual ou por equipos dende tres a seis membros e nas categorías masculina, feminina e mixta (no caso dos equipos) os corredores estarán arroupados por varios grupos musicales de diferentes estilos que tocarán en distintos puntos do percorrido para que os folgos destes deportistas solidarios non decaian.

Ademais, tamén haberá espectáculos de baile e ximnasia deportiva e un speaker e Dj para amenizar e motivar tanto aos e ás corredoras como ao resto do público.

Novidades

Este ano as 6hrs Vila do Corpus conta coa presenza de Iván Penalba López, ultrafondista valenciano posuidor do récord de España de 12 e 24 horas e que, ademais, ostenta o número 1 do ránking mundial en 24 horas, que o segue a manter neste ano.

Este ano haberá un equipo integrado por mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, ademais de dous equipos da asociación ANEPA da Cañiza que engloba alumnos e alumnas con diferentes necesidades educativas especiais.

Camiseta solidaria

Esta iniciativa vai moito máis alá do deporte e pretende xuntarnos para un fin tan fermoso como solidario, recadar o maior número de fondos posible e dar visibilidade á asociación Down Vigo que instalará un stand no que ademais de informar sobre o seu traballo aclarará os mitos que existen sobre o síndrome de Down. Neste stand todos os visitantes e participantes poderán adquirir as camisetas que venden doadas pola organziación do evento. Cada venta dunha camiseta é unha aportación solidaria que irá destinada á mellora da calidade de vida das persoas con síndrome de Down.

Pola venda de cada camiseta entregránse catro vales para tomar unha cervexa e un pincho, pero se a camiseta é de neno/a ou se vai acompañados de cativas e cativos recibirán vales para o inchable que a organización dispón con persoal de vixianza para que os máis pequenos e pequenas pasen uns intres de entretemento.

A hora de saída para realizar unha volta non competitiva é ás 19:30 horas e ás 20 horas será o pistoletazo de saída dunha proba que o ano pasado recadou un total de 9.000 € directos para a asociación Down Vigo que puido mellorar os medios materiais dos que xa dipuñan e dar continuidade ao proxecto “Alida” para formar as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual na escola universataria CEU de Maxisterio en Vigo para facilitar a súa inserción laboral a través do seu desenvolvemento persoal e laboral. Ademais, puxeron en marcha os mecanismos necesarios para a preparación previa para estes cursos universitarios.

Os e as participantes recibirán unha bolsa con agasallos e sorpresas nos que atoparán edicións especiais e produtos exclusivos.