As incidencias na vía pública poderán xestionarse a través dunha APP

sdr

O Concello de Ponteareas pon en funcionamento a aplicación para a xestión de incidencias municipais encadrada dentro da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” financiada cos fondos europeos de desenvolvemento rexional.

Tan sinxelo como comunicarse por teléfono móbil directamente coa administración. A nova aplicación de incidencias permitirá á cidadanía transmitir e demandar reparacións e problemas sen ter que achegarse físicamente á ventanilla do rexistro para solicitalo.

A implantación deste software, que xa se testeou de xeito interno, comeza a funcionar mañá xoves dous de maio para as xestións relacionadas co servizo de recollida de lixo e medio ambiente para ir abríndose nos vindeiros meses a novos servizos. Deste xeito calquera cidadán pode comunicar e adxuntar fotografías das incidencias desta área de xeito totalmente gratuíto e inmediato.

Esta APP terá capacidade para xestionar e diferenciar todo tipo de incidencias (desperfectos na vía pública, vertedoiros, recollida de lixo, desabroches, iluminación, etc.) e irá sendo progresivamente implantada en novas áreas.

Intuitiva e de doado manexo tan só hai que entrar na “app store” ou no “play store” e descargar e instalar “GECOR”, rexistrarse e seleccionar “concello de Ponteareas”

Esta APP, que permite tamén o seguemento da incidencia, inclúe unha aplicación web para a xestión global e unha app móbil para os operarios do concello ou das súas subcontratas coa que xestioar as incidencias e tamén enviar arquivos fotográficos que estarán operativas nunhas semanas.

Este novo servizo que mellorará a atención e a resolución das obras é compatible con navegadores Firefox, Chrome, etc.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, explica que guiará o futuro de Ponteareas para converter a cidade nun espazo saudable, sostible, dixital, moderna e que permita a convivencia e a participación cidadá “cun simple teléfono móbil pódese enviar a imaxe da incidencia ao consistorio”.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, explicou que se porá a disposición do cidadán unha ferramenta de fácil acceso, inmediata e áxil que reduce os trámites burocráticos.