Máis de trescentos deportistas daránse cita esta fin de semana no Campionato Provincial I Escolar de Taekwondo

A Concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, convida a toda a veciñanza a desfrutar do espectáculo do taekwondo este domingo día 5 nos pavillóns do Complexo Álvaro Pino que acolle o Campionato Provincial Escolar de Taekwondo.

350 deportistas e 29 árbitros achegaránse a Ponteareas para combater neste campionato clasificatorio para o autonómico que será a plataforma de lanzamento para o campionato de España.

Organizado por Loren Escola de Artes Marciais (LEAM) en colaboración coa concellería de Deportes do concello de Ponteareas, coa Federación Galega, coa Deputación de Pontevedra e coa Xunta de Galicia, este campionato brinda ao alumnado a oportunidade de amosar a súa técnica e as súas habilidades tanto na modalidade de exhibición, que terá lugar de 09:00 h a 10:30h da mañá, como na modalidade olímpica de combate, de 11:00h a 14:00h da tarde.

Os organizadores convidan a toda a cidadanía a animar aos e ás deportistas e a practicar este deporte, apto para tódalas idades a partir dos catro anos Disciplina e constancia son as máximas deste completo deporte que se pode practicar de xeito individual e colectivo.

Este campionato escolar de taekwondo desputarase nas categorías de alevín, infantil e cadete.

A escola LEAM de taekwondo está ubicada na rúa Camelias nº 12 e todos os e as interesadas poden obter máis información sobre a escola e os cursos no número de teléfono 665 858 420 ou no enderezo electrónico loren.taekwondo@gmail.com