Adxudicado o asfaltado e renovación do saneamento da avenida Rosalía de Castro

sdr

O Concello de Ponteareas adxudicou as obras de asfaltado e renovación do saneamento da Avenida Rosalía de Castro. A actuación inclúe tamén a rotonda situada na parte posterior da Casa do Concello e rotonda do Axente Comercial.

O importe das obras acada case os 100.000 euros e serán financiadas con parte do resultado económico positivo do ano 2017 que permite ao Concello dispoñer de recursos económicos para obras e servizos.

O prazo de execución das obras é de dúas semanas aproximadamente e iniciaranse antes de finalizar o actual mes de maio.

As obras consistirán na colocación de novas tuberías de saneamento para substituír ás anteriores, moi deterioradas e con filtracións de augas fecais. Ademais, instalaranse tuberías de separación das augas pluviais e realizaranse 20 acometidas novas para conectar de novo os edificios as tuberías renovadas. Unha vez concluido o traballo no subsolo procederase ao asfaltado de toda a avenida habilitando pasos de peóns elevados.

Para planificar correctamente os traballos, o concello empregou cámaras que se introduciron na rede actual para observar o seu estado, o que permitíu comprobar a existencia de importantes deficiencias e definir as actuacións a realizar.

O Concello apela á comprensión do vecindario: “sabemos que todas as obras ocasionan molestias e trastornos, pero se trata dunha obra moi necesaria para mellorar saneamento e pavimento nunha arteria principal da rede viaria da vila”.

Esta actuación dá continuidade á realizada na Avenida de Galicia onde as graves deficiencias atopadas no subsolo ralentizaron e retrasaron o remate das obras.