Iria Collazo protagoniza o «Venres D_letras» do mes de maio

A escritora Iria Collazo será a protagonista de maio da xornada do «Venres D_letras», que mensualmente organiza a Concellería de Cultura, dirixida por Hortensia Bautista, para promocionar a literatura en galego. A autora presentará a súa última novela, «A casa do Paralelo 54», dirixida ao público infantil, e estará acompañada pola ilustradora da obra, Luz Beloso. A actividade, como é habitual, terá lugar a partir das 20:30 horas no Salón de Plenos do Concello.

«A casa do Paralelo 54» é unha novela de aventuras protagonizada por unha nena que habita unha casa situada xusto enriba do Paralelo 54, que se verá afectada por unha descomunal tormenta. A partir de ahí verase inmersa nunha máxica experiencia na que estará acompañada pola súa mascota, o mapache Morde, e por un peculiar compañeiro de colexio que se fai chamar Mr. Smith. Na súa viaxe terán que enfrontarse a todos os medos do universo… Unha historia ateigada dunha imaxinación desbordante que non por iso deixa de estar apegada a unha realidade ás veces dura, ás veces máxica, pero sempre enchida de emoción.

Iria Collazo é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo con Premio Extraordinario Fin de Carreira, e profesora de de Lingua e Literatura Galega en Moaña, onde colabora en distintas actividades pedagóxicas e literarias xunto a outro grupo de profesores. A súa primeira obra publicada foi «Coma unha áncora», dirixida ao público xuvenil. Logo viría a colección de relatos «A soidade das medusas», e agora a súa primeira novela para nenos, «A casa do paralelo 54», ilustrada por Luz Beloso, compañeira no instituto.

No mes de xuño, o ciclo «Venres D_letras» clausurará a temporada coa presentación da nova novela do escritor porriñés Diego Giráldez «Hotel para coleccionistas discretos».