A Xunta levanta o peche perimetral en Ponteareas tras baixar a incidencia da pandemia a nivel básico

A hostalaría poderá abrir até as 23h, ao 50% en interior e 75% en terrazas

Tras a reunión do comité clínico na tarde-noite deste luns, a Xunta vén de comunicarlle a nova situación sanitaria á concelleira de saúde e alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fdez. Davila. Despois dunha baixada progresiva da incidencia da pandemia durante as últimas semanas, que sitúa o número de casos actuais en 23, a localidade baixa ao nivel básico de restricións, o que implica a fin do peche perimetral e a liberdade de movemento a outros concellos na mesma situación.

 

Esta baixada tamén supón un alivio ás restricións que a Xunta mantiña á hostalaría e restauración, que poderá permanecer aberta até as 23:00 horas. Ademais, supón a posibilidade de apertura cun aforo interior dun 50% e do 75% no caso das terrazas ao aire libre, sempre cunha ocupación máxima de seis persoas por mesa. As medidas faranse oficiais coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia para entraren en vigor ás 00:00h deste mércores.

 

Por outra banda, mantense a restrición horaria nocturna, que impide a mobilidade entre as 23:00 e as 6:00 horas, agás para causas debidamente xustificadas. Así mesmo, os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade familiar ou social poderán ser de ata seis persoas non conviventes, tanto en espazos de uso público como de uso privado.

 

Cristina Fdez. Davila apelou á “responsabilidade colectiva e individual, de xeito que todas e todos tomemos consciencia do papel crucial que temos cada unha de nós para frear esta pandemia”. A alcaldesa en funcións agradeceu o comportamento maioritario da veciñanza no cumprimento das restricións, e insistiu na necesidade de “manter a prudencia ante esta mellora para non tirar pola borda o traballo de tantas persoas que combaten a diario a COVID-19 co obxectivo de salvar vidas”.