A voz da infancia e da mocidade ponteareá escóitase no Encontro Estatal de Consellos locais de participación

A voz da infancia e da mocidade ponteareá escóitase no Encontro Estatal de Consellos locais de participación

Juan, Lucía e Mateo, de ‘Mentes Novas’, participaron xunto a 180 rapaces e rapazas de toda España neste encontro celebrado por Unicef en Cáceres

A voz de Juan, Lucía e Mateo escoitouse esta fin de semana no sétimo Encontro Estatal de Consellos locais de participación organizado por Unicef e que este ano volveu reunir de forma presencial en Cáceres a 180 nenos e nenas de entre 10 e 17 anos de todos os recunchos de España. Os e as representantes do grupo de participación infantil e xuvenil ‘Mentes Novas’ de Ponteareas, acompañados pola concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, debateron xunto ao resto de participantes sobre cuestións de vital importancia como a saúde mental, o medio ambiente, a educación, a desigualdade ou a pobreza, entre outros temas.

“Para nós é un orgullo contar cunha infancia e mocidade tan implicada na nosa vila, porque a participación de nenos, nenas e adolescentes é fundamental para crear a sociedade de hoxe e do futuro, especialmente naqueles temas que lles afectan dun xeito directo. Eles e elas teñen dereito a participar e nós a obriga de escoitalos e escoitalas para facer unha sociedade mellor tendo en conta as súas propostas”, destacou a concelleira.

Unicef organiza dende hai unha década estes encontros, que reúnen a nenos e nenas de todo o estado que ao longo de todo o ano traballa nos consellos de participación das súas localidades para lograr que os dereitos da infancia e da adolescencia, así como as súas propostas, entren nas axendas políticas locais, rexionais e estatais. Así, o ponteareán Juan Vázquez subiuse ao estrado a explicar algún dos acordos acadados durante o encontro, que levarán ao parlamento europeo: “Debemos concienciar ás persoas sobre a necesidade de respectar e protexer a determinados colectivos e cultura, de modo que se presenciamos algunha inxustiza debemos tratar de evitala utilizando unha postura asertiva. Ademais, as leis non son claras, non se entenden ben, deberían ser accesíbeis a todo o mundo e debería haber información sobre os movementos migratorios que se producen a nivel mundial”.

Durante toda a fin de semana os rapaces e rapazas participaron en diversas dinámicas e mesas de traballo nas que compartiron experiencias, opinións e diferentes puntos de vista ata acadar unha serie de conclusións que quedaron plasmadas nun manifesto que servirá para incidir na política local, autonómica e estatal. Entre as principais conclusións destacaron a necesidade de investir máis en saúde mental para contar con máis profesionais en psicoloxía e outros recursos; de traballar por unha educación inclusiva real; de poñer en marcha máis axudas a familias que o necesiten; de seguir afondando en medidas de mitigación do cambio climático ou de facer un seguimento dos ODS, especialmente nas zonas rurais.

Ponteareas é una das vilas distinguidas por Unicef como Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que recoñece o interese do Concello por mellorar o benestar da infancia e da adolescencia. O vindeiro venres 21 de novembro o Concello celebrará un novo pleno infantil, no que se continuará dando voz á rapazada en temas relacionados coa saúde mental, traballada nos centros educativos dende o inicio do curso escolar.