Descubre os segredos que agochan os nomes das parroquias ponteareás este mércores 9 de novembro na sala multiúsos

Descubre os segredos que agochan os nomes das parroquias ponteareás este mércores 9 de novembro na sala multiúsos

Chega a Ponteareas a campaña ‘Topnimízate!’, que cunha charla ás 20 h descubrirá ao público como participar na recuperación da toponimia da vila

Ponteareas acolle este mércores 9 de novembro a campaña ‘Toponimízate! Falámosche dos nomes da túa terra’, unha actividade do proxecto Galicia Nomeada coa que se procura chamar a atención sobre o perigo que corre a toponimia tradicional e se busca a persoas que colaboren coa iniciativa. Ás 20.00 horas, a sala multiúsos do auditorio municipal será o escenario no que Vicente Feijoo Ares, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto, dará unha interesante charla que contará tamén coa presenza da alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

“Dende o Concello estamos moi interesados en participar nos traballos que permitan salvagardar a microtoponimia ponteareá. Queremos unir esforzos e, entre todos e todas, recompilar toda a información toponímica posible para que poida incluírse tamén no bando de datos da toponimia galega”, explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil sinalou que esta iniciativa completa a posta en marcha polo Concello de Ponteareas en 2021 en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns para salvagardar os nomes tradicionais de terras e montes da vila.

Colaborar coa campaña ‘Toponimízate!’ permitirá ao Concello “traballar cunha metodoloxía común e definida para que toda esta información cultural estea dispoñíbel nun mesmo visor, xeorreferenciada e normativizada, de xeito que permita o seu aproveitamento desde un punto de vista profesional ou lúdico para todos os galegos e galegas”.

A través desta charla, Vicente Feijoo ademais de sensibilizar ás persoas asistentes na urxencia de recoller este patrimonio inmaterial ante a súa alarmante perda nas últimas décadas, ensinará a todas e todos os participantes os topónimos e a tradición oral vinculada a eles na plataforma Galicia Nomeada, que ata a data só recibiu unhas 50 achegas públicas de Ponteareas. Ademais ensinaralles a achegar fotos, audios, vídeos, documentos… sobre un topónimo, facer suxestións sobre outros ou consultar a toponimia recollida por toda Galicia.

Na segunda parte da charla, o público poderá descubrir as historias que agochan os nomes das súas parroquias e aldeas. Estas etimoloxías contan coa contribución de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e novo académico numerario da Real Academia Galega. Así, falarán sobre a etimoloxía do nome da propia vila, Ponteareas, que fai referencia á existencia dunha antiga ponte sobre o río Tea situada na parroquia de Areas. Pero tamén abordarán outros nomes con referencia a un tipo de terreo areento, como o das parroquias de Arnoso ou Areas ou de aldeas como O Cribeiro.