A veciñanza de Arnoso valora positivamente o proxecto de renovación do centro cultural

A veciñanza da parroquia de Arnoso dalle luz verde ao proxecto de reforma da casa cultural e apoia a proposta do goberno de Ponteareas que será financiada nunha parte polos fondos europeos dentro da estratexia EDUSI “Ponteareas, hábitat saudable” e noutra parte con fondos propios.

A arquitecta responsable do proxecto, que conta con fondos para a súa financiación, presentou onte á veciñanza de Arnoso a proposta e solventou dúbidas.

O proxecto contempla unha mellora da eficiencia enerxética, adaptación á normativa en canto a accesibilidade e unha redistribución do espazo que a faga máis versátil e confortable.

Este edificio que naceu sendo unha escola pública pertence a unha xeración de edificacións que simbolizan a evolución do ensino en Galicia dando no seu momento a oportunidade de alfabetizar a toda a poboación o que lle infire unha significativa dimensión histórica e social.

Con problemas de humidade e de distribución espacial, o proxecto de reforma que conta cun orzamento de 112.000€, conseguirá ofrecer tres espazos independentes e diferenciados pero que, á vez, poden ter continuidade (unha zona para o bar, outra para sala de reunións con baño adaptado a persoas con mobilidade reducida e unha sala multiusos con baño).

Respetando os valores estéticos e arquitectónicos das fachadas procederase á impermeabilización e illamento de solo, fachadas e tellado, construíndo unha canaleta exterior no chan en todo o perímetro para evitar a entrada de auga.

O porche pecharase para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións ao contar cunha porta que permite illalo do resto da estrutura. O almacén convertirase no baño adaptado ao que se pode acceder tanto dende calquera sala do interior como directamente do exterior e o bar contará con armarios como zona de almacenaxe organizada.

Coa reforma o edificio contará con dúas entradas independentes e rampas de acceso. A zona de sala de reunións /vestíbulo quedará preparada para poder ser conectada cunha futura ampliación sen prexudicar a obra realizada agora.

A previsión do goberno local, expresada polo alcalde de Ponteareas Xosé Represas, é contratar de inmediato a obra unha vez que se aprobe en pleno.