A soprano Teresa Novoa clausurará na súa vila o ciclo “Tempo de Zarzuela” este venres, día 20 de marzo, no Auditorio Reveriano Soutullo

Copia de Teresa Novoa flanqueada polo alcalde e o concelleiro de Cultura na presentación do ciclo de zarzuelaA soprano ponteareá Teresa Novoa porá o broche final ao ciclo “Tempo de Zarzuela”, organizado polo Concello de Ponteareas,  coa interpretación de obras tan recoñecidas como o “Barberillo de Lavapiés”, de Barbieri, ou “La del Soto del Parral”, do mestre Soutullo, entre outras.
Este venres día 20 de marzo, ás 21:00 horas, a soprano ponteareá Teresa Novoa deleitará ao público de Ponteareas e comarca cun concerto no que interpretará diversas romanzas de Zarzuela, entre as que se poden destacar “Las Hijas de Zebedeo”, ou o “Chotis de la Gran Vía” que se combinan con fragmentos da “Verbena de la Paloma” ou “El Barberillo de Lavapiés”, entre outras. Na súa interpretación lírica contará co acompañamento da Banda “Unión Musical de Valladares, dirixida por José Iglesias Ramilo, e que conta no seu haber con múltiples premios en diversos certames de bandas de música, tanto de Galicia como fóra dela.
Para o Concello de Ponteareas, manifesta o edil de Cultura, Andrés Sampedro, é un orgullo poder contar cunha soprano da talla de Teresa Novoa neste ciclo de Zarzuela, sendo a artista ponteareá moi apreciada e querida na súa vila natal.

A ponteareá Teresa Novoa é unha recoñecida soprano a nivel nacional, abranguendo o seu repertorio de concerto desde o barroco ao contemporáneo, pasando por estilos como a canción española, francesa ou o lied. Durante a súa carreira perfeccionou estudos de canto con Montserrat Caballé, Jaume Aragall, Danielle Ferro, Ileana Cotrubas, Ian Baar, Félix Lavilla e Miguel Zanetti, entre outros. A súa excelencia levouna a cantar nos mellores teatros nacionais como: Teatro de la Zarzuela, Auditorio Nacional e Teatro Monumental de Madrid, Teatro Campoamor de Oviedo, Teatro Arriaga de Bilbao, Teatro Villamarta de Jerez, Palacio de Festivales de Cantabria, Palau de la Música de Valencia, Teatro Calderón de Málaga ou Palacio de la Ópera da Coruña, entre outros. Actuou tamén en moitos lugares do estranxeiro como en Arxentina, Venezuela, Brasil, Italia, Francia, Alemaña, a ex-Iugoslavia e Portugal. Estivo dirixida por grandes mestres como Peter Maag, Victor Pablo Pérez, Enrique García Asensio, Ros Marbà, Miguel Roa, Miguel Ortega, Enrique Ricci, Tulio Galiardo, Miguel Groba, Moreno Buendía, Joan Trillo, Luis Malheiro, Marcel Van Bree, Fernando V. Arias, Iminas Kuchisnkas, Ferreira Lobo, Carlos Riazuelo, Pilar de la Vega, Antonio Palau e moitos outros. Teresa Novoa foi profesora da Escola Superior de Canto de Madrid, unha das máis prestixiosas a nivel internacional e na actualidade exerce o seu labor docente no Conservatorio Superior de Música de Vigo, que compaxina coa actividade artística.

Este ciclo de zarzuela, gratuíto, achegoulle ao público ponteareán a música lírica o pasado día 12 de marzo, coa primeira obra, “La del manojo de Rosas”, que se converteu en todo un éxito, abarrotando o público o auditorio para disfrutar desta obra de zarzuela a cargo dun variado elenco, entre os que se encontraban varios membros do grupo ponteareán “A Vila”, co acompañamento e exquisita interpretación musical a cargo da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música de Vigo, baixo a batuta de Franper Rodríguez.