A Sestelo Clásica Álvaro Pino contará este ano con Miguel Indurain como invitado de excepción

A Sestelo Clásica Álvaro Pino contará este ano con Miguel Indurain como invitado de excepción

Ponteareas acolleu a presentación oficial desta marcha cicloturista, que celebra a súa terceira edición da man da Asociación Deportiva Plan C en colaboración co Concello

A Marcha Cicloturista Sestelo Clásica Álvaro Pino regresa o 14 de maio grazas á colaboración do Concello de Ponteareas, da Asociación Deportiva Plan C, do Grupo Sestelo e do propio ciclista. A presentación celebraba na Casa Consistorial ponteareá contou coa participación da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; do ex ciclista campión da Vuelta a España, Álvaro Pino; de alcadesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros de Deportes de municipios polos que pasa a Clásica; do responsable de Deporte Galego da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; do presidente do GDR Condado Paradanta, Paco González; da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e de membros da Dirección Xeral do Grupo Sestelo, patrocinador principal da marcha.

Durante a presentación debulláronse todas as novidades desta edición, entre as que destacan a participación como invitado especial de Miguel Indurain; o novo maillot que homenaxea ao equipo SEUR co que Álvaro Pino correu en 1990; os dous percorridos, un curto de 67 quilómetros con subida a tres portos e outro longo de 123 km con subida a seis portos; e que se suman dous novos municipios polos que pasará a marcha, Tui e Salceda de Caselas.

A saída e meta estarán en Ponteareas, como nas últimas dúas edicións, na Praza Bugallal, e a marcha cicloturista percorrerá 9 concellos: Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, A Cañiza, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario. Este ano os portos polos que pasará a marcha son Fraga do Rei, Muro das Neves, Muro da Luz, Franqueira por Uma, Moncelo e Carbitallo.

Esta nova edición da Sestelo Clásica Álvaro  Pino tamén contará coa participación de Discamino e as persoas participantes que o desexen poderán facer unha doazón ao proxecto coa inscrición.

A organización quixo destacar durante a presentación a continuidade do apoio de entidades e empresas ao evento, como o Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra, GDR Condado Paradanta, Grupo Sestelo, Rodosa, Darlim, Lynalfa Grupo Asegurador, BTravel, Ferretería Barral e numerosos comercios locais que colaboran coa marcha.

Feira do corredor

Como en pasadas edicións, o sábado 13 de maio, día previo á marcha, celebrarase a Feira do Corredor na Praza Bugallal de Ponteareas, que este ano promete ser a máis espectacular das realizadas ata a data e na que as e os participantes poderán gozar de grandes momentos de diversión. Levarase a cabo unha xincana para nenos e nenas da man do Club Ciclista Ponteareas e haberá unha charla na que participarán o propio Álvaro Pino e Miguel Indurain que estará presentada por Terio Carrera.

Contarase tamén coa presenza dos trofeos dos tres gañadores ponteareáns da Vuelta a España, Delio e Emilio Rodríguez e Álvaro Pino, e a velada estará amenizada polo Rock in Río Tea na Rúa.

A Sestelo Clásica Álvaro Pino contará este ano con Miguel Indurain como invitado de excepción