A San Silvestre recolle máis de 1.500 kg de axuda para o centro de reparto de alimentos municipal

A San Silvestre recolle máis de 1.500 kg de axuda para o centro de reparto de alimentos municipal

 

O Concello agradece a implicación dos Taninos Runners e de todas as persoas participantes para encher Ponteareas de deporte e solidariedade

 

A carreira de San Silvestre de Ponteareas convértese unha edición máis en sinónimo de solidariedade. A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, informa que tras o reconto contabilizáronse 1.541 quilos de axuda destinada ao centro de reparto de alimentos municipal. Máis de tonelada e media de bondade que deixa entre os produtos máis doados pasta e arroz como alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene.

 

A San Silvestre recolle máis de 1.500 kg de axuda para o centro de reparto de alimentos municipal“Dende o Concello queremos agradecer o traballo dos Taninos Runners para levar adiante un ano máis esta fermosa iniciativa con todas as precaucións que a situación sanitaria demanda e tamén de todas as persoas participantes que amosaron o seu lado máis solidario achegando produtos que se destinarán ás familias que máis o precisen. A súa implicación sempre é imprescindible”, destaca a edil. Verónica Carrera tamén quixo salientar o papel de todas as persoas voluntarias, membros de Protección Civil, empresas e comercios locais que colaboraron de diferentes xeitos para que a proba fora un éxito.

 

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, súmase tamén ao agradecemento á organización polo “inxente traballo desinteresado para que todas e todos puideramos gozar dun evento totalmente seguro, enchendo a vila de deporte e solidariedade”.

 

Os e as 750 participantes na categoría de adultos e os 250 corredores e corredoras da categoría infantil fixeron posible esta nova cifra. Dende os Taninos Runners amósanse satisfeitos por compartir quilómetros cun grupo de participantes con tan bo facer e con tantas ganas de achegar o seu gran de solidariedade.

 

A San Silvestre recolle máis de 1.500 kg de axuda para o centro de reparto de alimentos municipal