A San Silvestre acada unha tonelada e media de axuda para o centro de reparto de alimentos

O concello de Ponteareas quere dar as grazas aos Taninos Runners e a todos e todas os que se achegaron o pasado día 31 á Praza Maior para amosar o seu lado máis solidario facendo posible que nesta sétima edición da San Silvestre acadaran un novo récord de recollida de alimentos e produtos de hixiene. 

O concelleiro de Servizos Sociais, Manolo Troncoso, adianta que grazas a esta carreira urbana e solidaria recadáronse 1.500 quilos de axuda destinada ao centro de reparto de alimentos local ubicado no centro social da rúa Oriente. 

Unha tonelada e media de bondade que supera todas as expectativas e que será destinada a todas as familias que máis o precisen.

O Concelleiro de Deportes, Benito Márquez, que foi un máis dos runners que participou na carreira , súmase aos agradecementos recoñecendo a importante labor que desempeñan os Taninos Runners, capaces de superar, ano tras ano, o número de inscricións e de despertar o lado máis solidario dos e das deportistas que ademais desfrutaron dunha proba na que o bo humor e o espírito navideño foron os protagonistas.

Os 750 adultos participantes e os 250 corredores da categoría infantil fixeron posible esta nova cifra e dende a organización queren amosarlle a súa satifacción por ter compartido quilómetros de asfalto urbano cun grupo con tantas gañas de desfrutar e de axudar. 

Un resultado que anima aos Taninos Runners a seguir adiante e organizar novas edicións e probas deportivas que fomenten non só hábitos de vida saudables se non tamén, solidarios.